Skip to main content

A quinta edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral terá lugar en Expourense os días 12 e 13 de maio

Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, celebra a súa quinta edición entre os días 12 e 13 de maio consolidada como unha cita imprescindible para todos os axentes sociais involucrados na prevención. Celebrarase por primeira vez de xeito independente e, para reforzar o seu carácter profesional e unir os esforzos de Administración, Patronal e Sindicatos no fomento da cultura preventiva entre empresarios e traballadores, terá lugar durante días laborais, isto mércores e xoves.

Para planificar as actividades que se levarán a cabo nesta cita Previsel conta cun comité asesor no que se atopan representados entidades públicas e privadas, sindicatos e servizos de prevención. A primeira reunión deste comité serviu para perfilar as actividades que terán lugar nesta quinta edición de Previsel, un salón que Expourense organiza de forma conxunta coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e contando co firme apoio da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo autónomo integrado pola Administración Autonómica e por axentes sociais e empresariais.

Previsel volverá contar cun completo programa de conferencias e obradoiros organizados polas entidades integradas no comité asesor e que abordarán temas como os riscos eléctricos, no sector da metalurxia e na construción e analizaranse ademais os custos da non prevención. Nesta reunión tamén se propuso a posibilidade de organizar unha mesa de traballo dirixida ás xestorías e aos traballadores das mutuas para unir os procedementos a seguir á hora de recibir un parte de accidente laboral.

Durante esta reunión decidiuse que sexa de novo preseinte do comité asesor de Previsel o presidente da Fundación Laboral da Construción de Galicia e Vicepresidente da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, Eligio Nieto.

Previsel converterase nunha boa oportunidade para os profesionais do sector de intercambiar experiencias e actualizarse en canto ás novidades técnicas (equipamentos de protección, lexislación, bibliografía, etc.), pero o principal obxectivo deste salón é fomentar a cultura da prevención entre empresarios e traballadores e dar a coñecer as últimas novidades do sector aos técnicos en prevención das empresas galegas, ós estudantes de Formación Profesional, e ó público xeral, xa que non convén esquecer que a cultura preventiva é un tema que atinxe a todos os axentes da sociedade.

Previsel voltará converterse nun punto de encontro de provedores e distribuídores e nunha magnífica oportunidade para os profesionais do sector de intercambiar experiencias e actualizarse en canto ás novidades técnicas.Será ademais un escaparate onde a empresa que precise dun servizo de prevención terá a oportunidade de coñecer os últimos produtos e servizos puidendo asistir a demostracións prácticas dos mesmos.

Previsel é eminentemente un salón profesional. Pero non se pode esquecer que a prevención atinxe a todas as persoas que forman parte do mercado laboral polo que a formación é un compoñente básico no momento de incorporarse a un posto de traballo.

Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense)