Skip to main content

A Xunta respalda a Mostra de Encaixe de Camariñas con case 55.000 euros

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, respalda cunha cantidade global de case 55.000 euros a realización da XX Mostra do Encaixe de Camariñas, que permanece aberta ata o día 4 de abril. A achega principal, de case 50.500 euros, articulada mediante un convenio co Concello de Camariñas, supón un 70% do orzamento global destinado á mostra.

O departamento que dirixe Javier Guerra apoia este evento de artesanía galega como parte dun conxunto coherente de respaldo en ámbitos como a xestión agrupada, a estruturación da formación, a produción e o emprego, xunto coa dinamización da comercialización para favorecer e facilitar a organización da capacidade produtiva, en este caso do encaixe de Camariñas que, cunha gran variedade de estilos e fórmulas é altamente valorada polos consumidores como referente en calidade e deseño.

A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, é consciente da relevancia que a Mostra do Encaixe de Camariñas ten e, por iso, amosa o seu compromiso para contribuír a que a repercusión do encontro siga medrando como signo de cultura e de arte, pero tamén como dinamizador económico.

O compromiso da Xunta de Galicia cos artesáns vai máis alá do fomento deste tipo de encontros como trazos de identidade cultural, a través de ferramentas de promoción e tamén dando pulo a súa continuidade apostando pola formación. Exemplo disto son os 18 cursos relacionados co encaixe programados desde o ano pasado á presente data, para que os artesáns perfeccionen e avancen nas súas técnicas para acadar a excelencia do produto.

A XX Mostra de Encaixe de Camariñas, que será inaugurada pola directora Xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, daralle a partires de mañá un pulo a novos usos do encaixe no sector do deseño a través dos desfiles organizados, nos que se inscribiron 87 mozos e mozas para participar no XVII Concurso de Novos Deseñadores. Asemade, esta nova edición contará, por primeira vez, co concurso Encaixe de Camariñas, que elixe como temática o acontecemento fundamental neste ano 2010: o Xacobeo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia