Skip to main content

Os produtos pesqueiros galegos promociónanse no Salón Gourmet de Madrid

A conselleira do Mar asistiu á inauguración da feira Salón Gourmet en Madrid para visitar e apoiar ás 38 empresas galegas asistentes (dos ámbitos da pesca e da produción agroalimentaria), así coma os Consellos Reguladores de produtos con selo de calidade. Rosa Quintana sinalou que a presenza de Galicia neste tipo de feiras “ é boa porque quere dicir que Galicia sigue innovando por facer cada día novas cousas”.

Rosa Quintana destacou que Galicia “ten a posibilidade de cubrir todos os prezos, todos os padais e todos os mercados e iso demóstrase porque cada día imos a máis”. Neste sentido subliñou que dentro do mercado de produtos marítimos, Galicia está experimentando un avance importante na presenza e na comercialización. A titular de Mar definiu o produto galego gourmet como aquel que entra nos parámetros do artesán e de alta calidade, pero sen deixar de ser accesible.

Durante a súa visita á Feira Gourmets a conselleira saudou durante o percorrido oficial á princesa de Asturias, Letizia Ortiz e recibiu no stand da Consellería do Mar á ministra do MARM Elena Espinosa e ao secretario xeral do Mar, Juan Martín Fragueiro. Despois Rosa Quintana asistiu á unha das degustacións que ofreceu a Consellería do Mar, de promoción de produtos do mar. Xa pola tarde a conselleira asiste ao Consello Consultivo de Política Pesqueira para asuntos comunitarios e á Conferencia Sectorial de Pesca, no Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino.

A Xunta a través dos stands das Consellería do Mar e Medio Rural ofrece neste evento 27 degustacións, todas a base dos mellores produtos do mar e do agro de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar da Xunta de Galicia