Skip to main content

O Festival de Cultura Quente reúne o 16 e 17 de xullo en Caldas de Reis a 15 artistas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou na presentación do Festival Cultura Quente de Caldas de Reis nun acto que tivo lugar na casa consistorial deste municipio e no que estivo acompañado do alcalde da localidade, Juan Manuel Rey e da concelleira de Cultura, Socorro Tobío.

O responsable territorial recordou que o Xacobeo colabora economicamente na posta en marcha deste festival co obxectivo de conseguir a súa difusión e promoción.

O Cultura Quente forma parte do circuíto de festivais Galicia ao Vivo, polos que aposta o Xacobeo de cara a promover “unha cultura plural, ampla, aberta a todos os galegos e a todo o mundo. Unha cultura que non deixa de ollar á tradición e identidade propia, pero mirando sempre de fronte ao máis innovador e actual”.

Segundo o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, a finalidade do proxecto Galicia ao Vivo, enmarcardo do Camiño da Música do Xacobeo 2010, “é, tal e como xa explicou o conselleiro de Cultura no seu día, reunir festivais cunha traxectoria que evidencia á calidade da súa aposta, e que sendo moi diferentes entre si non perderán un ápice da súa diversidade, da súa autonomía e da súa forza anovadora”.

En relación ao Cultura Quente, Cores Tourís destacou que “dende a Consellería de Cultura búscase axudar a consolidar este festival que ano a ano vai convertendo a este festival de Caldas nun evento imposible de borrar da axenda dos amantes da música actual”.

O obxectivo de Galicia ao Vivo é impulsar a música en directo como un dos principais produtos de reclamo da industria do ocio galego e consolidar un circuíto de festivais en Galicia, destinado a todos os públicos e que se manteña máis alá do Ano Santo.

En concreto, en relación ao Festival Cultura Quente, éste celebrarase o 16 e 17 de xullo e contará con varias áreas de acampada gratuíta. A Carballeira de Caldas de Reis contará cun Escenario Xacobeo polo que pasarán un total de 15 artistas.

Deste xeito, o sábado poderase disfrutar de Dirty Socks, Johnny Winter, Ocean Colour Scene, Tricky, Cla, DJ Amable e o domingo de Pulsa Denura, Hola a Todo el Mundo, Magnética, The Sonics, Kitty Daisy & Lewwis, The Raveonettes, Tony Lomba & Elio Dos Santos e DJ Lagartija.

O Festival completarase coa exposición Caldarte, con actividades para nenos, espectáculos de maxia, Feira do Viño, Mostra da Mel, Día do Maior, a actuación de bandas de música, certamen de contos, e varias actividades culturais e deportivas máis.

O delegado territorial aproveitou o acto para recordar que, na provincia de Pontevedra forman Galicia ao Vivo o Festival do Norte, o Festival Jazz&Blues de Pontevedra, Cultura Quente, Lolapop e Sinsal, este último xa en marcha. Xuntos configuran un circuíto cunha programación que se estende ao longo do ano e que viaxa por toda a provincia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia