Skip to main content

XII Baixada de Carros de Bolas de Xinzo

O 12 outubro a parroquia ponteareá de Xinzo énchese de carros de bolas de afeccionados a este deporte nunha das baixadas máis espectaculares do sur de Pontevedra. O programa oficial da proba comeza o domingo 10 de outubro cos entrenamentos oficiais, que se farán de 16.00 a 20 horas na primeira e máis difícil parte do percorrido. O martes 12 de outubro da 16.00 a 16.45 horas será o horario que teñan os participantes para inscribirse. O posto de inscrición estará situado na saída, no Campo de Fútbol Eido d’Albo. Ás 17.00 horas está previsto a saída do primeiro carro participante. Primeiro sairán os carros da categoría especial prototipo: carros que non cumpren normas coma a de ter o armazón principal de madeira ou a de levar rodas de rodamentos. Estes carros prototipo poderán baixar pero non optarán aos premios en metálico, pero si a trofeos. En segundo lugar baixarán os carros de bolas da categoría individual. En terceiro e último lugar baixarán os carros da categoría múltiple. O Percorrido ten 1400 m. e ten unha porcentaxe de desnivel media do 8%, tendo algúns tramos pendentes do 17 %. A saída atópase no Campo de Fútbol Eido d´Albo, e a meta está situada na fachada do Centro Cultural Xinzo. Nun primeiro momento a organización prevé facer unha única manga, aínda que se podería facer unha segunda se o número de carros o permite e se cumpren os horarios establecidos. Esta proba está organizada polo Centro Cultural Xinzo e conta coa colaboración da Asociación Xuvenil Xe e a Comunidade de Montes de Xinzo.
Roberto Leandrez Represas, coordenador do Centro Cultural Xinzo