Skip to main content

Xantar promove accións específicas dirixidas aos alumnos das escolas de hostalería de España e Portugal

Xantar anima aos alumnos e alumnas dos últimos cursos das escolas de hostalería do Norte de España e Portugal a participar neste encontro da Gastronomía de Calidade ofrecendo un programa práctico no que se conxugue a asistencia ás actividades, almorzos en diferentes restaurantes da feira, ceas en restaurantes referentes e visitas a distintos puntos de interese da provincia de Ourense.

A 12ª edición do Salón de Gastronomía e Turismo, que se celebrará en Expourense entre o 2 e o 6 de febreiro, ten como obxectivo poñer en valor o sector da restauración, non só pola exaltación dos produtos agroalimentarios de calidade, senón tamén a través da atención e o servizo. Trátase dun evento de referencia na Península Ibérica dende o que poder coñecer e degustar a gastronomía de calidade de Galicia e doutras comunidades convidadas de España e Portugal.

Con este fin, Xantar organizou un programa especial de tres días (de mércores a venres) para estes futuros profesionais do sector que inclúe a visita a Xantar e a asistencia aos obradoiros de cociña impartidos nun Aula Gastronómica dotada da última tecnoloxía en equipamento na que se elaborarán pratos temáticos e innovadores en directo a cargo de cociñeiros galegos de renome así como dos chefs das comunidades autónomas e rexións portuguesas convidadas.

Contémplase tamén a participación en catas comentadas dirixidas por profesionais expertos en distintos produtos de calidade como o viño, o mel ou o queixo e o almorzo nalgún dos 19 restaurantes desta edición.

Ofrecéselles ademais a posibilidade de asistir ó VI Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde, un completo programa de conferencias impartidas por expertos en nutrición, patrimonio gastronómico ou investigadores sobre novos produtos ou formas de empregalos na cociña.

Este programa compleméntase con ceas comentadas polos chefs en restaurantes referencia de Ourense recoñecidos con distintivos como a Estrela Michelin ou o Sol de Repsol. Para rendibilizar a presenza deste futuros profesionais na provincia, o programa inclúe a visita a puntos de interese vencellados co sector hostaleiro e turístico como é o caso de adegas, hoteis e balnearios.
Silvia Pardo (coordinadora de Comunicación de Expourense)