Skip to main content

Directores dos principais centros de artesanía de España e Portugal fixan en Lugo estratexias para impulsar o sector

Este congreso reúne a directores dos principais centros de España e Portugal co obxectivo de fixar estratexias comúns para impulsar o sector. Logo de celebrarse en Valladolid e Valencia, este ano o CENTRAD fai de anfitrión.

Representantes de centros artesanais de Cataluña, Menorca, Granada, Castela e León, Valencia, Alcalá de Henares, Vigo e Castela a Mancha, así como do Centro de Formaçao Profissional do Artesanato (CEARTE) de Portugal, poñerán en común as súas experiencias, e abordarán os novos retos que deben afrontar, co obxectivo de marcar unha folla de ruta común para impulsar o sector. Os retos que se plantexan son o seguintes: a modernización da xestión e o uso das novas tecnoloxías, a identificación de novos mercados, a formación continua e as certificacións profesionais.

Os participantes neste congreso integran a Rede Ibérica de Centros de Artesanía. Trátase dun organismo que se constituíu no ano 2008 en Valladolid, logo de celebrarse un primeiro encontro no que se detectou a necesidade de consensuar políticas de actuación para xerar riqueza e emprego. Deste xeito, todos os anos se celebra un novo encontro como o que hoxe comeza en Lugo no que se incrementan as relacións persoais e institucionais en prol do desenvolvemento dos oficios artísticos e tradicionais.

Programa

O III Encontro da Rede Ibérica de Centros de Artesanía arranca hoxe ás 16:00 horas cun acto de recepción e benvida a cargo dos directores das dúas entidades organizadoras: o CENTRAD e FUNDESARTE. Ás 17:00 horas, os participantes visitarán e coñecerán polo miúdo o traballo que está a desenvolver o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación e, seguidamente, presentaranse as accións doutros centros.

A xornada de mañá comezará ás 10:00 horas cunha conferencia sobre as certificacións profesionais a cargo de Jesús Pablo González Moreiras, inspector de Educación da Xunta de Galicia. As 13:00 horas, celebrarase por unha mesa de traballo que xirará entorno á formación continua dos profesionais, ás respostas e as necesidades reais dos talleres, e os proxectos europeos de formación como Leonardo ou Grundtvig.

Gabinete de comunicación da Deputación de Lugo