Skip to main content

A Xunta cre que o décimo aniversario da Copa do Mundo de Salto de Obstáculos será unha oportunidade para proxectar a imaxe de Vigo a nivel internacional

Na presentación oficial, que se levou a cabo no Pazo-Museo Quiñones de León, os representantes da Administración autonómica felicitaron ao comité organizador e agradeceron a aposta dos propios organizadores, Concello de Vigo e patrocinadores do evento para chegar ao décimo aniversario da proba hípica en pista cuberta máis importante a nivel internacional. “Este evento que ten a cidade non o podemos perder”, considerou a delegada territorial durante a súa intervención, quen engadiu que “no 2011 se cumpren dez anos e non podíamos deixar que este gran evento se perdera. É obriga das administracións traballar conxuntamente por este tipo de eventos”, dixo.

Molares sinalou que o décimo aniversario da Copa do Mundo de Saltos é unha “oportunidade” para proxectar a imaxe de Vigo dende o punto de vista turístico e deportivo a nivel internacional ademais de destacar a participación de xinetes que pertencen ao “top ten” do ránking mundial así coma dos galegos Manuel Añón ou Marta Ortega e, incluso, a participación do xinete vigués Carlos Domínguez.

Neste senso tamén se pronunciou o secretario xeral para o Deporte. Na súa intervención, Lete Lasa destacou a calidade deportiva, o éxito e a repercusión mediática que ten este gran evento deportivo. “A calidade deportiva da Rolex World Cup Jumping de Vigo, a súa repercusión mediática internacional e o éxito organizador avalado polas anteriores edicións son perfecta mostra do crecente interese por esta modalidade deportiva en Galicia”, dixo.

O secretario xeral tamén felicitou á organización porque “xunto a este indubidable espectáculo deportivo do máis alto nivel e ránking competitivo, procurou actividades para o goce en familia deste deporte e especiais probas abertas aos xinetes locais”. “Esta é a visión acertada”, seguiu Lete Lasa, “conxugar alta competición con actividades de popularización e divulgativas dun deporte que, como a hípica, merecen dun cada vez maior achegamento á sociedade”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial da Xunta en Vigo