Skip to main content

Cociña en directo e taller de viños e tapas para promocionar produtos do mar e do agro de Galicia

A Consellería do Mar, na súa liña de potenciar os produtos galegos, ofreceu unha sesión de cociña en directo cos produtos frescos da pesca artesanal galega como ingrediente base, no marco do Fórum Gastronòmic de Girona. Así, os coñecidos chefs Taky Rodríguez e Héctor López elaboraron 8 pratos, tradicionais e vangardistas, a partir dos produtos coa etiqueta PescadeRías, ante 90 persoas entre os que se atopaban xefes de cociña, destacados hostaleiros e xornalistas especializados.

Os cociñeiros apostaron por preparar un total de 8 receitas, entre as que se atopaban navallas mariñada con cítricos, brotes e algas, tartare de robaliza da ría con xeado de cebola asada e moluscos da ría, crema de pataca e porro ao aceite de algas. Ademais cociñaron un guiso tradicional de fabas de Lourenzá con chocos, robaliza cocida en papillote con caldo de moluscos, empanada aberta de berberechos con pan de millo, choco confeitado con fabas de Lourenzá e allos tenros e percebes e berberechos ao natural. Os asistentes puideron degustar estes pratos acompañados de viños galegos, da Adega Valmiñor (Denominación de Orixe Rías Baixas), acompañaron na maridaxe.

Ata o mércores 23 de febreiro, día que remata o Fórum, un stand da Xunta de Galicia, no que participan as consellerías de Mar e Medio Rural están a amosar unha oferta conxunta dos produtos do mar e da terra de Galicia aos numerosos visitantes que se achegan a este evento, que aspira a superar os 30.000.

A marca PescadeRías, que a Consellería está a dar a coñecer en Girona, é unha marca de calidade que garante produtos frescos da pesca e marisqueo artesanal, contribuíndo á sustentabilidade, social, económica do sector e asegurando a explotación racional dos recursos. O selo ofrece unha garantía real e tanxible aos consumidores da procedencia dun produto de contrastada calidade á vez que aporta unha seguridade total no proceso de compra.

Traxectorias de Héctor López e Taky Rodríguez

Héctor López comezou traballando no restaurante da súa familia dende moi novo e despois de cursar hostelería en Santiago formouse con prestixiosos cociñeiros como Pedro Subijana e Toño Pérez, entre outros. Hoxe en día traballa no restaurante España, en Lugo.

Javier “Taky” Rodríguez exerce actualmente no Catering Boketé de A Coruña. No 2000 foi campión de España de cociñeiros e suma outros galardóns coma o 10 posto no Bocuse D`or de 2001, unha medalla de bronce no certame europeo de sabores rexionais e 3 campionatos galegos. A súa traxectoria profesional realizouse en prestixiosos restaurantes coma El Bulli (Roses), Arzak (Donosti), Hotel Savoy (Londres), Casa Solla (Poio), Casa Pardo (A Coruña), Ronald Reagan Building Catering Services (Washington).

Taller de viños e tapas

A Consellería do Medio Rural ofrece un taller de viños baixo o título de “Viños e tapas de Galicia: unha viaxe ao futuro”, que estará amenizado con viño da denominación de orixe Valdeorras e que terá lugar no Ateneo. Durante este taller estará presente a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, apoiando unha vez máis o sector vitivinícola galego que conta xa con gran peso dentro e fóra das nosas fronteiras e, ademais, incentivando a modernidade nas nosas tapas combinando o século XXI cos nosos produtos máis tradicionais.

Por outra parte, esta tarde terán lugar -no stand da Xunta- as presentacións da IXP Castaña de Galicia xunto coa denominación Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia; e a combinación de Ternera Gallega e Pataca de Galicia con viños da Ribeira Sacra.

Todos aqueles que se acheguen ao Fòrum Gastronòmic Girona poderán tamén gozar da degustación da Raza Cachena combinada cunha das denominacións de orixe vitivinícola que máis peso ten na nosa comunidade, a D.O. Rías Baixas. Os queixos de Galicia serán acompañados da D.O. Ribeiro. Finalmente, para os máis lambóns, o último día pecharase esta mostra gastronómica coa Tarta de Santiago e o Mel de Galicia.

Deste xeito, o departamento que dirixe Samuel Juárez quere incentivar o consumo e o recoñecemento dos produtos do noso agro máis aló das nosas fronteiras para consolidarse como un referente gastronómico a nivel internacional.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia