Skip to main content

Espacio Atlántico preséntase como un referente na produción artística

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou a quinta edición de Espacio Atlántico, a Feira de arte contemporáneo de Vigo 2011 que se celebrará no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) do 7 ao 10 de abril como “unha feira de referencia para todo o noroeste peninsular”. O conselleiro destacou a iniciativa promovida pola Xunta de Galicia como “un faro que alumea unha importante escolma do mellor da nosa produción artística actual, e que fai visible esta escolma para os galegos, mais tamén para moita xente alén das nosas fronteiras”. Ao acto asistiron asemade a presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro; a directora xeral de Espacio Atlántico, Marta Scarpellini; e a directora artística da feira; Pilar Ribal.

Roberto Varela asegurou no transcurso da súa intervención que “resulta imposible concibir unha sociedade sen arte” de xeito que “é imposible concibir Galicia sen a súa arte”. Neste sentido, o conselleiro lembrou “a vocación creativa de Galicia queda rexistrada desde hai milleiros de anos en infinitos lugares, desde a pel da súa terra, ata as nosas últimas expresións de arte en vivo, arte audiovisual ou net art”.

O responsable da área de Cultura destacou a evolución de Espacio Atlántico desde o seu nacemento en 2006 “baixo o nome de Puro Arte Vigo” e lembrou como se converteu “en tan só cinco anos nun acontecemento artístico, cultural e económico relevante na nosa comunidade”. Roberto Varela amosou o seu desexo para que o espazo sexa “cada vez máis, un lugar de encontro profesional, de negocio e venda, así como de promoción dos nosos talentosos artistas”.

O conselleiro recordou do mesmo xeito a Manolo Paz, artista homenaxeado nesta quinta edición, e describiuno como ”un escultor versátil e un creador consciente, reflexivo e coñecedor das últimas tendencias, pero que nunca se distanciou un ápice, nin física nin espiritualmente, do rexo oficio dos canteiros, empregando na meirande parte da súa obra o idioma común do martelo e o punteiro no seu diálogo coas pedras”.

Roberto Varela salientou Espacio Atlántico como “a cita obrigada da arte contemporánea” do 1 ao 10 de abril en Vigo. Segundo informou o conselleiro, a Feira acollerá máis de 40 galerías do conxunto da península, 5 project room, unha sección dedicada ao debuxo contemporáneo, Expanding Drawing, mesas de debate sobre coleccionismo, o propio Programa Coleccionistas, unha exposición-homenaxe a Manolo Paz, ou a nova liña de difusión cultural e artística que este ano contará coa participación da Feria Loop de Barcelona e da Cidade da Cultura de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia