Skip to main content

A 34ª Semana Verde de Galicia, referente da dinamización do sector

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, acompañado polo titular de Medio Rural, Samuel Juárez, inaugurou a 34ª edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que se celebra ata o vindeiro domingo no municipio pontevedrés de Silleda. Ambos coincidiron en sinalar a consolidación deste certame como escaparate multisectorial de gran importancia para impulsar e dinamizar o sector agrogandeiro e forestal e dar a coñecer o seu potencial entre o público xeral.

Neste sentido, Rueda destacou que o cambio de rumbo iniciado hai dous anos polo Goberno galego permitiu un éxito de público que repercutiu moi positivamente no volume de negocio xerado. Así, na pasada edición a Semana Verde –a primeira gratuíta da súa historia- achegou ao recinto feiral de Silleda preto de 100.000 visitantes que o converteron durante catro días na capital do comercio e do lecer galego. Así mesmo, o conselleiro incidiu no especial valor deste tipo de iniciativas que, especialmente en tempos de dificultades económicas, achegan aos emprendedores un espazo e un evento de dimensións axeitadas para establecer contactos con potenciais compradores, tanto nacionais como estranxeiros.

886 expositores e máis de 70 actividades

Nesta edición, están presentes 886 expositores de 17 países diferentes e máis de 70 actividades programadas. Como salón clave para o impulso e dinamización do sector agrogandeiro e forestal en xeral e, de maneira moi particular, dos produtos de calidade, a Consellería do Medio Rural conta cun stand institucional onde veñen representados os 22 consellos reguladores. Neste espazo, realizaranse ao longo destes tres días unha serie de degustacións de produtos de calidade acompañados dos mellores caldos galegos.

Samuel Juárez insistiu na aposta da Xunta polos sectores gandeiro, agrario e forestal -moi ben representados nesta certame- como eixos estratéxicos da economía galega, e tamén pola súa importancia social e mesmo cultural, pola súa contribución ao mantemento da poboación e da súa calidade de vida no medio rural. Así mesmo, e como pioneiro na organización de catas abertas ao público, Medio Rural colabora tamén coa Consellería do Mar na celebración de diferentes degustacións onde os visitantes poderán gozar de maridaxes dos produtos do mar e da terra, entre eles viños, augardentes, queixos, mel, pementos de Herbón, castaña e produtos de agricultura ecolóxica.

Apoio ao rural

Entre as políticas máis destacadas do Goberno Autonómico en materia de apoio ao rural, cabe salientar a creación da marca de calidade ‘Galega 100%’, no eido lácteo; a tramitación da primeira Lei de Montes de Galicia e creación das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), no ámbito forestal; a elaboración da Lei de Mobilidade de Terras e unha futura norma para regular os procesos de concentración parcelaria, no tocante ao eido legal; así como a recente presentación do Plan Director de Rede Natura 2000 e futura ampliación da propia Rede Natura.

Convenio de colaboración

O titular de Medio Rural asistiu tamén, esta mañá, á sinatura dun convenio de colaboración entre os grupos Vegalsa-Eroski e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) para a posta en marcha dun programa de cooperación para a comercialización de produtos agrarios de calidade.

Neste contexto, o departamento que dirixe Samuel Juárez está traballando na creación dunha marca de garantía para os produtos hortícolas galegos, que levará o nome de “A Nosa Horta” e que será xestionada e controlada polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL). Cómpre salientar tamén que catro pementos galegos (Herbón, O Couto, Arnoia e Oímbra) están amparados con selos de calidade.

A Xunta escenifica o seu desinterese polo agro galego na Semana Verde de Silleda

Do 16 ao 19 de xuño de 2011 celébrase en Silleda a 34ª Feira Internacional Semana Verde de Galliza. Segundo a propia Fundación Semana Verde de Galiza, que é a encargada da organización do evento, os seus primeiros dous fins son:
1. Contribuír ao desenvolvemento do sector agrario galego, a través de actividades feirais e de mercados agropecuarios.
2. Promover a cooperación público-privada no desenvolvemento de actividades feirais e promocionais no campo agrario, alimentario, industrial e comercial co obxecto de impulsar o avance continuo dos citados sectores.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA resúltanos moi chamativo, atendendo aos expositores presentes e ao programa de actividades deste ano, ten máis relevancia actividades como: equitación, mascotas e pequenos animais, artigos de decoración, antiguedades, xardinería, cociña, formación e tempo libre ou ferretería e bricolaxe que as de fomento da produción agraria e da súa transformación.

De todo isto dedúcese o que o Partido Popular entende por “desenvolvemento do sector agrario galego”, é dicir, darlle as costas aos nosos setores produtivos agrarios e da súa transformación e orientalo cara actividades de lecer. Desde a FRUGA pensamos que o rural galego é moito máis ca iso, que ten futuro e que debe estar ligado á produción agraria e á súa transformación como estratexias básicas para contribuir á recuperación económica do País e frear o despoboamento do rural.

Esta edición da Semana Verde de Silleda coincide co definitivo desmantelamento da finca de Bos, integrada no programa de mellora xenética de Galiza e que deu excelentes resultados nos últimos anos, concretamente nos adicados a mellora xenética de gando frisón galego.

Non debemos esquenzer que os mellores touros frisóns por indices xenéticos dependían en parte desta finca, tendo un papel primordial o touro Xacobeo, que mantiña o número un nos indices estatais e dos primeiros nos índices europeos. A día de hoxe case 4000 explotacións leiteiras estaban integradas nos programas de mellora xenética de Galiza, co cal podemos observar como a Consellería de Medio Rural está a traballar dunha forma totalmente arbitraria co fin de desmantelar un dos programas de melloras xenética con maior prestixio a nível europeo, aspecto este críticado por dirixentes do PP como o propio Romay Becaria.

Dende a FRUGA pensamos que a consellería de medio rural debe parar estes recortes nos programas de mellora xenética co fin de intentar mellorar a dificíl situación que están a vivir moitas explotacións leiteiras galegas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Federación Rural Galega (Fruga)