Skip to main content

Javier Guerra destaca a consolidación de Expourense como un referente dos recintos feirais galegos

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que Expourense se consolida como un referente dos recintos feirais galegos polo importante papel que desempeña na dinamización da economía ourensá, mobilizando coa súa actividade feiral 5 millóns de euros na provincia o ano pasado, o que supón multiplicar por catro cada euro investido.

Guerra, que participou na presentación da Memoria de Actividades 2011 da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, sinalou que o exemplo de Expourense reafirma a intención da Xunta de impulsar os recintos eficientes orientados ao autofinanciamento e xeradores de riqueza no seu entorno. O conselleiro asegurou que o traballo da Fundación contribúe directamente á proxección exterior da provincia e de Galicia, impulsando sectores relevantes da economía galega como o termalismo, a gastronomía, o transporte ou a viticultura, que centraron algunhas das feiras celebradas o pasado ano.

Neste sentido, Javier Guerra salientou a aposta de Expourense pola internacionalización, unha das claves para o fortalecemento da economía galega, e recordou que grazas ao cambio de estatutos promovido o ano pasado a Fundación presta apoio en materia de internacionalización a empresas e asociacións, promovendo ademais as súas primeiras misións empresariais. Tamén salientou o conselleiro que dúas das feiras de Expourense, Termatalia e Funergal, contan co recoñecemento de Feiras Internacionais que outorga o Ministerio de Industria.

Na súa intervención, o conselleiro salientou que a labor de Expourense está respaldada polo recoñecemento empresarial e profesional. Así, en 2011 aumentou en case un 14% o número de expositores, e incrementáronse os visitantes máis dun 4%, mantendo 275 días de ocupación ao ano. Ademais, o recinto feiral obtivo a Q de calidade que outorga a Asociación de Ferias Españolas, coa que se recoñece a excelencia na prestación dos seus servizos e que se suma ao certificado do sistema de xestión de calidade e ao do sistema de xestión ambiental.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia