Skip to main content

Un piloto de carreiras, un cirurxián, unha coreógrafa e un árbitro de fútbol, entre os ponentes do TEDxGalicia 2012

Os dezasete ponentes do evento TEDxGalicia 2012, que terá lugar mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia–Tecnópole (Ourense), están ultimando as súas intervencións a partir do lema “E se... ?”. Entre eles figuran o piloto de Fórmula 2 José Luis Abadín, o cirurxián pioneiro en operar o cancro de pulmón cunha pequena incisión Diego González Rivas, a coreógrafa e bailarina Silvia Montes e o único árbitro de fútbol galego na Primeira División, Ignacio Iglesias.

Estes profesionais de tan diferentes ámbitos iranse sucedendo uns a outros en charlas de 18 minutos exactos nas que darán a coñecer a súa particular perspectiva da vida, incidindo en como afrontan os retos que asumen cada día. Con esta filosofía, o TEDxGalicia sae por primeira vez da capital galega coa Tecnópole como anfitriona, movida pola vontade de compartir coñecemento e inspiración con motivo do seu 20 aniversario.

Completan o plantel de ponentes a experta en innovación cultural Mónica Moure, o violonchelista Carlos García, o emprendedor tecnolóxico Andrés Mazaira, o comunicador Javier Cebreiros, o físico e divulgador científico Jorge Mira, o avogado experto en internet José Manuel Pérez, a deseñadora industrial Marta Falcón, o creativo Miguel Castro, o empresario Marcos Rodríguez, a compositora e cantante Patricia Moon, o biólogo e artesán Pablo Carpintero, o enxeñeiro de Telecomunicacións Ricardo Capilla e a mestra de educación especial Fátima García.

TED, que significa Tecnoloxía, Entretenemento e Deseño, é un evento anual no que algúns dos pensadores e emprendedores máis importantes do mundo están convidados a compartir o que máis lles apaixona. O obxectivo para os asistentes é ter acceso a ideas que pagan a pena a través da experiencia doutras persoas que obtiveron éxito nalgunha faceta da súa vida.

O evento celebrouse por primeira vez en California en 1984 e nel participaron ao longo dos anos persoeiros como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Gehry, Paul Simon, Sir Richard Branson, Philippe Starck e Bono (U2). Os conferenciantes do TED teñen que contar a súa historia da maneira máis atractiva posible e cunha limitación de tempo de 18 minutos.

Posteriormente naceu TEDx, un programa de conferencias locais organizadas de forma independente que lle permite a un número limitado de persoas gozar dunha experiencia similar ás conferencias TED. Dende 2010 celébrase en Galicia baixo o nome TEDxGalicia e este ano, por primeira vez, inclúe a celebración do TEDxYouth, unha variante dirixida a rapaces e rapazas na que os ponentes tamén son menores de idade e para a que a organización conseguiu a licenza recentemente.
Máis información en http://www.tedxgalicia.com/
http://www.tedxgalicia.com/.