Skip to main content

A Xunta ampara un selo único para produtos agroalimentarios de calidade

A Consellería do Medio Rural e do Mar está a traballar na creación dun selo de promoción único baixo o que se ampararán todos os produtos agroalimentarios de calidade de Galicia, sen que perdan a súa identidade propia. Así o manifestou a titular deste departamento, Rosa Quintana, trala reunión mantida cos presidentes dos cinco consellos reguladores do viño e o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto.

Rosa Quintana destacou tamén a necesidade de traballar nunha gran feira do viño en Galicia que sexa potente, capaz de atraer a outras denominacións de orixe do resto de España e, incluso, doutros países para que “sexamos capaces de transmitir co viño unha maneira de ser que é a do galego, unha cultura, unhas tradicións e tamén unha calidade”.

A conselleira adiantou que se van unificar criterios de promoción co resto de departamentos que teñen competencia en materia de enoturismo e promoción para traballar xuntos cara unha mesma dirección e potenciar así conxuntamente as rutas do viño. A idea é sumar esforzos e aproveitar sinerxias na dinamización das rutas para afinar e agrupar as accións. O obxectivo é que se valore o traballo desenvolvido polas rutas e por cada un dos axentes implicados, entre adegas, establecementos, administración, etc.

O compromiso da Consellería do Medio Rural e do Mar cos sectores primarios, entre eles o vitivinícola queda evidenciado a través das axudas destinadas á promoción e internacionalización dos seus produtos. Así, para o presente ano, e en vistas de mellorar a nosa produción, o departamento que dirixe Rosa Quintana triplica os fondos para aumentar a calidade e primala sobre a cantidade, destinando a este fin un total de 3,5 millóns de euros.

No tocante á promoción auméntase nun 50% ata os 1,5 millóns der euros as achegas para a internacionalización dos produtos nos mercados de terceiros e increméntase lixeiramente as axudas para promover os produtos con Denominación de Orixe Protexida no seo da Unión Europea.

Xuntanza co sector vinícola

A reunión mantida hoxe cos presidentes dos cinco consellos reguladores de Galicia (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei) centrouse no repaso da situación e asuntos de actualidade relativos á operativa e ao sector.

Precisamente Galicia sempre quixo estar ao cabo dos pasos que a vitivinicultura adopta no mundo, especialmente en Europa. Por iso a Consellería forma parte da Asemblea de Rexións Europeas Vitivinícolas (AREV) e tamén do Centro de Investigación, Estudio, Salvagarda, Coordinación e Valorización da Viticultura de Montaña (CERVIN).

Así mesmo, Galicia foi parte activa para conseguir gañar a principal batalla que, para o sector vitivinícola, se daba dentro da reforma da Política Agraria Común. Así, logrouse manter un sistema acotado de produción ata o 2030 que fai primar a calidade sobre a cantidade e que, polo tanto, beneficia á nosa Comunidade.

A maiores, este sistema esixe tamén dun mecanismo de control e autorregulación que, no caso dos consellos reguladores galegos, se leva cumprindo de forma excepcional e que ven reflectido na máis que evidente calidade da nosa produción.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia