Skip to main content

Promóvese a comercialización da xoiería galega na feira alemá de Múnic

A Consellería de Economía e Industria promove por cuarto ano a comercialización da xoiaría galega na feira especializada Inhorgenta, o encontro líder do sector en Europa e un dos máis prestixiosos do mundo, que se celebra na cidade alemá de Múnic ata o luns 25 de febreiro.

As marcas Artesanía de Galicia e Galicia Calidade contarán cun espazo propio na 40 edición do Salón Internacional de Reloxería, Xoiería, Pedras Preciosas, Perlas e Tecnoloxía no que se expoñerán e venderán as pezas de catro obradoiros artesáns que contan con estes selos de excelencia. Serán Ardentía, de Bergondo, Fink Orfebres e Orfega, de Santiago de Compostela, e Piropo Joyas, de Viveiro.

O apoio á participación do sector artesán galego en feiras internacionais de recoñecido prestixio é un dos eixos da estratexia integral de impulso ao sector que desenvolve a Consellería de Economía e Industria. Ademais de na busca de novos mercados e novas canles de comercialización, esta estratexia céntrase na aposta pola innovación e o deseño e a formación e a especialización dos profesionais, ao tempo que se preservan os valores que constitúen a esencia dos produtos artesanais, como son a calidade dos materiais e un coidado proceso de produción.

Con este tipo de actuacións a Consellería fomenta o establecemento de relacións entre os sectores artesanais de diferentes países que permitan desenvolver os intercambios comerciais e de coñecemento, ao tempo que se reforza a presenza de Artesanía de Galicia como marca de prestixio e de referencia nos mercados internacionais.

Os produtos que presentan os obradoiros artesáns participantes, están avalados tanto pola marca Artesanía de Galicia como por Galicia Calidade, grazas ao convenio de colaboración posto en marcha co Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia para incorporar este selo de prestixio ás coleccións que conten cos requisitos establecidos pola marca, que serve de abandeirada da excelencia dos produtos galegos a nivel nacional e internacional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia