Skip to main content

Cultura apoia a Feira do Libro de Pontevedra e o maratón de lectura adicado ao escritor Valle-Inclán

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou no maratón de lectura da Fundación Eugenio Granell, que este ano está dedicado ao escritor Ramón María del Valle-Inclán. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, leu esta tarde un fragmento das ‘Sonatas’ de Valle-Inclán, autor polo que o artista surrealista sentía “unha especial admiración”, segundo informa a fundación.

A iniciativa, que se enmarca no obxectivo da Fundación Granel de contribuír á promoción da lectura, celebrouse na Alameda de Santiago de Compostela, xunto á imaxe de Valle-Inclán, e continuou na sede da entidade, no Pazo de Bendaña.

Respecto da elección das ‘Sonatas’ para a maratón de lectura, a fundación explicou que “o amor, tan importante para os surrealistas, é tamén o tema central da exposición ‘Amor, poesía y libertad. Eugenio Granell’, que se pode visitar nas salas 2 e 3 do museo da fundación.

En 1975, o artista galego creou a súa obra ‘Don Ramón María del Valle-Inclán’, realizada en madeira, metal, tea e papel, e que forma parte dos fondos da fundación.

A Xunta promove a Feira do libro de Pontevedra 2013

O calendario das Feiras do Libro de Galicia chega a Pontevedra da man da Federación de Librarías de Galicia e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A cidade do Lérez acollerá unha nova edición da Feira do Libro de Pontevedra, recuperando así un evento cultural que levaba nove anos sen celebrarse.

A mostra foi inaugurada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola presidenta da Federación de Librarías, Pilar Rodríguez; e polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no marco dun acto que contou coa actuación do grupo musical tradicional Os Alegres e tamén co espectáculo cómico-musical de Ratman & Bobyn.

No Paseo Odriozola propiciarase o encontro do público co libro galego e cos seus autores e autoras, pois á feira acudirán algúns dos principais protagonistas actuais das da literatura galega como son Santiago Lopo, Pilar Martínez, Manuel Portas, Fina Casalderrey, Pedro Feijóo, María Reimóndez ou Elena Gallego, entre outros.

Durante os vindeiros días, aqueles que se acheguen á cita pontevedresa poderán gozar dalgunha das máis de 30 actividades programadas entre as que se inclúen presentacións, sinaturas de exemplares, contacontos, actuacións musicais e representacións escénicas.

Esta cita cultural é a cuarta das once que conforman o calendario oficial das Feiras do Libro de Galicia 2013, promovidas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio do goberno galego, dentro das liñas de apoio e difusión ao sector editorial e de fomento a lectura entre a cidadanía.

O listado de participantes nesta cita co libro e a lectura inclúe ás librarías Cao (Pontevedra), Cartabón (Vigo), Clip (Pontevedra), Cortizas (Ferrol), Cronopios Libros (Pontevedra), D-Lectum (Pontevedra), El Faro de los Tres Mundos (Lugo), Libros para Soñar (Vigo), Paz (Pontevedra), Pedreira (Santiago) e Seijas (Pontevedra). Asemade acoden á cita pontevedresa A Serpe Edicións, o Instituto Geográfico Nacional e a Deputación Provincial. A feira estará aberta ao público de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas durante a semana, e de 11:00 a 14:30 e de 17:00 a 21:30, o sábado e domingo.

A colaboración entre a Xunta e a Federación de Librarías renóvase este ano co obxectivo de darlle un novo pulo a estes eventos como focos dunha variada oferta cultural para todos os públicos e como unha oportunidade de difusión da actividade do sector editorial. Así, paralela á actividade das casetas, as Feiras do Libro 2013 contan cun completo programa de actividades culturais, artísticas e de animación de rúa, entre outras, para a dinamización de cada un dos eventos que percorrerán as catro provincias.
Unha edición máis, Cultura e Educación continúa a súa aposta por facer das Feiras do Libro un escaparate único para dar a coñecer as actividades do sector do libro galego, así como para a difusión e o fomento do hábito lector entre a cidadanía e unha oportunidade para a unión e o intercambio de ideas entre os profesionais do libro. Neste sentido, cómpre lembrar que logo do seu paso por Pontevedra, as Feiras do Libro chegarán a Ourense (4 - 9 de xuño), Vigo (28 de xuño - 7 de xullo), Rianxo (25 - 27 de xullo), A Coruña (1 - 11 de agosto), Foz (17 - 20 de agosto), Viveiro (13 - 16 de agosto) e Monforte (22 - 25 de agosto).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia