Skip to main content

A XXXVI Semana Verde de Silleda consolídase como certame multisectorial do noroeste peninsular

O vicepresidente e conselleiro de Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, inauguraron a XXXVI edición da “Feira Internacional Semana Verde de Galicia”, que se celebra ata o domingo 16 de xuño no municipio pontevedrés de Silleda.

Nesta nova edición do certame refórzase a diversificación e o enfoque multisectorial dos últimos anos, co obxectivo de atraer máis visitantes –os últimos anos non baixou dos 100.000 visitantes ao ano- pero sen perder a súa condición de referente do sector primario do noroeste peninsular, segundo destacou o vicepresidente, Alfonso Rueda.

Así, a Semana Verde de Galicia, a de maior contido e dimensións dos últimos anos, contará cun total de 768 firmas expositoras procedentes de 19 países nesta edición, creando un enorme espazo para o comercio do sector agrogandeiro, que pretende abrir unha “ventá de oportunidades” para moitas empresas galegas.

A isto hai que sumarlle a celebración do Salimat, o Salón de Alimentación do Atlántico, caracterizado polo emprego da innovación como ferramenta para conseguir produtos con calidade diferenciada e un importante incremento dos encontros con compradores internacionais.

Doutra banda, a aposta da Xunta de Galicia pola diversificación e por facer da Semana Verde un espazo de ocio para toda a familia, tamén verase reforzada este ano. Por iso, o programa desta edición contempla 125 actividades distintas, un 52 por cento máis que o ano pasado. Haberá mostras equinas, caninas, exhibicións de cetrería, exposicións fotográficas, mostras culturais e un circuíto de karts para os máis novos, entre outras actividades.

Ademais, a Fundación Semana Verde de Galicia pretende que todo o que queira acudir poida facelo sen desembolso económico algún e, por cuarto ano consecutivo, os visitantes da feira poderán acceder de balde.

Ampla participación

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, eloxiou o traballo que ao longo de todo o ano realizou a Fundación Semana Verde de Galicia para conseguir que a Semana Verde sexa a maior feira multisectorial de mostras de ocio do noroeste. Ademais salientou que este é un dos eventos que consegue “aguantar os vaivéns económicos” e medrar, chegando este ano a máis de seiscentas firmas expositoras.

Rosa Quintana tamén destacou deste evento o mérito de xuntar durante catro días a todos os axentes implicados na cadea agroalimentaria -produtores, representantes das industrias, distribuidores, consumidores e institucións- co obxectivo de impulsar o desenvolvemento do agro galego. Un cometido importante para a comunidade galega, xa que Galicia é eminentemente rural, como o demostra o feito de que máis do 84% do seu territorio ofreza numerosas posibilidades para o desenvolvemento das actividades agrograndeiras.

Neste sentido, sinalou que en Galicia unhas 900.000 hectáreas –o 30 por cento do total- corresponden a superficie agraria útil destinada a pastos e cultivos e preto de 1.800.000 hectáreas a superficie forestal. Por iso, dixo, "dende o Goberno galego tentamos poñer todos os esforzos e medios ao noso alcance para que as persoas que desenvolven estas actividades teñan as mesmas facilidades que os que viven e traballan nas cidades".

A conselleira tamén fixo unha referencia ao Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat, que se celebra no marco da Semana Verde. Del destacou o desenvolvemento dos Encontros Internacionais de compradores, que definiu como unha efectiva plataforma comercial que permite aos expositores mostrar os seus produtos a vinte importadores e distribuidores de dez países, tanto europeos como americanos ou asiáticos.

Convenio

A conselleira do Medio Rural e do Mar asiste nas instalacións da Feira de Silleda á segunda renovación dun convenio asinado no 2011 entre Vegalsa-Eroski e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), para fomentar a comercialización de produtos agrarios de calidade con trazabilidade e adaptados ás condicións técnicas e loxísticas deste grupo de distribución.

Esta colaboración prevé incrementar nun 50% a facturación das cooperativas ao peche de 2013, superando a cifra de 1,1 millóns de euros e acadando a comercialización de máis de 1 millón de quilos de 30 produtos diferentes, tales como tomate, pataca, pementos verdes e vermellos ou leitugas vermellas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia