Skip to main content

Aposta polo produto galego na XL Feira Internacional do Libro de Bos Aires (Arxentina)

Logo da súa participación na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, o sector editorial galego promove as súas obras e os seus autores noutra das citas de referencia internacional neste ámbito, a Feira do Libro de Buenos Aires, á que asiste un ano máis co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Do 24 de abril ao 12 de maio, o stand de Galicia, no que tamén estará presente o Instituto Arxentino da Cultura Galega do Centro Galego de Buenos Aires, difundirá a produción editorial de Novagalicia Edicións, Edicións Xerais, Editorial Galaxia, Rodeira, Laiovento, Ir Indo, Editorial KNS, MC Sports, Edicións do Cumio, Everest, Fervenza Edicións, Espiral Maior, Edicións Nigra Trea, Baía Edicións, Auga Editora, Linteo e Edicións Tambre, entre outras. Ademais Kalandraka e OQO editora contarán con cadanseu stand no recinto feiral.

O stand de Galicia tamén servirá como punto de encontro para levar a cabo reunións comerciais nas que dar a coñecer a calidade da oferta editorial de Galicia, impulsar o negocio editorial nos mercados exteriores e favorecer o contacto con axentes do sector de todo o mundo.

O escritor e crítico literario Armando Requeixo, autor de ‘Vida e obra de Xosé María Díaz Castro’ (Galaxia); o escritor e presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, responsable da nova edición de ‘Nimbos’ (Galaxia), así como o xornalista e escritor Luís Pousa son os autores galegos convidados este ano á feira, na que terán ocasión de difundir a literatura e a cultura galegas.

Acompañamento institucional

O sector editorial galego contará na feira co acompañamento institucional do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que durante a súa viaxe á capital Arxentina tamén participará en diversas iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia, en colaboración coa colectividade galega local, para promover o libro e a cultura galega.

O autor ao que este ano a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro, terá unha destacada presenza nestes actos, que inclúen un encontro co alumnado de secundaria do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol e un concerto de homenaxe ao poeta e tradutor lucense no Centro Galicia a cargo do grupo musical galego Xardín Desordenado e no que os escritores Luís G. Tosar, Armando Requeixo e Luís Pousa serán os encargados de lle achegar ao público a figura de Díaz Castro e a literatura galega.

Durante a súa viaxe institucional, Anxo Lorenzo tamén ten previsto reunirse con representantes do departamento de Cultura do Goberno da Cidade, da Secretaría de Estado de Cultura, da Fundación El Libro –entidade organizadora da Feira do Libro de Buenos Aires– da Fundación Galicia América, da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, da Academia Argentina de Letras e da Asociación Cultural Terzo da Fala. As visitas ao Centro Galicia e ao Museo Galego da Emigración (MEGA) tamén formarán parte da actividade de Anxo Lorenzo en Arxentina, en representación da Consellería de Cultura e Educación.

Apoio á internacionalización do libro e da literatura

Unha das principais liñas de promoción de obras galegas nos mercados exteriores é a asistencia ás feiras internacionais do libro, un programa desenvolvido en acordo coa Asociación Galega de Editores, que en 2014 apoia a presenza de Galicia nas feiras do libro de Boloña, Buenos Aires, Frankfurt e Gua¬dalajara (México).

As feiras internacionais constitúen espazos de promoción, difusión e intercambio de produtos culturais galegos en diferentes ámbitos xeográ¬ficos de Europa e de América. A Xunta asume a organización, xestión e control de todas as actividades relativas ao posto promocional, persoal de atención aos visitantes, relatores, envío de material, prepara¬ción de eventos culturais, así como a edición de materiais promocionais, como o catálogo de libros infantís e xuvenís de Galicia, editado en galego, castelán e inglés.

A feira do libro máis concorrida de fala hispana

Se ben as portas da cuadraxésima edición da feira de Buenos Aires se abrirán ao público a partir de mañá, nos días previos, o 22 e 23 de abril, así como o propio 24, celébranse na feira as xornadas profesionais, coa realización de actividades destinadas a editores, distribuidores, libreiros, bibliotecarios, educadores e outros profesionais do sector.

Serán máis de 45.000 metros cadrados do Predio La Rural os que se destinen a albergar a a feira máis concorrida no mundo de fala hispana e na que se espera a visita de máis dun millón de lectores e máis de dez mil profesionais do libro durante as tres semanas nas que se desenvolverá o evento. O acto de inauguración oficial da Feria Internacional del Libro de Buenos Aires, que este ano se levará a cabo o xoves 24 de abril ás 18:00 horas, corre a cargo, desde hai máis dunha década, dun destacado autor arxentino. Para festexar os seus corenta anos de andaina, a apertura da feira en 2014 contará con Joaquín Lavado ‘Quino’.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia