Skip to main content

O III Encontro da artesanía tradicional e popular de Galicia amosará nos pendellos de Agolada máis de vinte oficios tradicionais diferentes

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, realizaron unha visita de traballo xunto co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ao conxunto histórico-artístico dos Pendellos, onde se vai celebrar do 4 ao 6 de xullo o III Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía e Industria.

No percorrido polos Pendellos adiantaron que durante o encontro, no que un ano máis tradición e vangarda irán da man, poderá verse o traballo de medio cento de artesáns galegos, que desenvolven máis de vinte oficios tradicionais diferentes, como a xoiería, a olería, a elaboración de instrumentos musicais, o téxtil, a madeira, a cestería, a marroquinería, ou a elaboración de redes ou de zocos. Entre as novas incorporacións atópanse tres artesáns especializados na montaxe de moscas para a pesca, ademais da presenza da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari), finalistas do Premio Promociona para Entidades Privadas 2013 nos Premios Nacionais de Artesanía.

O encontro servirá un ano máis para crear un espazo de interrelación con ámbitos como a música, a gastronomía ou o deseño. Así, ademais da exposición e venda de produtos artesanais e demostracións de oficios, haberá máis dunha trintena de postos de venda de produtos gastronómicos, con especial atención ás denominacións de orixe galegas. Ademais, haberá showcooking a cargo de tres cociñeiros galegos do grupo nove: Pepe Solla, Javier Rodríguez Ponte “Taky” e Héctor López, workshops e coloquios, exposicións e obradoiros, actividades para nenos e nenas e diferentes actuacións musicais e de baile.

Neste ámbito, destacaron o concerto de Marful, que pecha a programación do venres cun espectáculo no que presentan unha proposta ecléctica no que se combinan ritmos e músicos de diferentes tendencias, mentres que o sábado á noite será o turno de Sés, compositora e intérprete cun forte carisma que está a revolucionar a escena musical en Galicia.

Na visita a Os Pendellos salientouse tamén que por primeira vez os visitantes contarán cunha zona habilitada gratuíta para cámping, e que restaurantes locais ofrecerán menús especiais durante o encontro. Ademais, ao igual que nas dúas primeiras edicións, haberá autobuses gratuítos de ida e volta a Lalín para facilitar a asistencia.

A organización deste encontro, que conta coa colaboración, ademais do Concello de Agolada, da Axencia Turismo de Galicia e a Consellería do Medio Rural e do Mar, así como de Fundesarte, a Deputación de Pontevedra, e Asociación Galega de Artesáns e Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, que vén de activar o novo Plan de Artesanía de Galicia.

O obxectivo desta folla de ruta é conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia