Skip to main content

Os mellores tiradores de tirapedras danse no VIII Campionato de Tirapedras da Galiza Central

Na edición de 2013 participaron un total de 48 tiradores e tiradoras, pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada. Basicamente, cada competidor dispoñerá de seis lanzamentos contra tres dianas (de diferente valor –e dificultade- cada unha delas). Ao final, as tres persoas que acaden as máximas puntuacións en cada categoría serán as gañadoras.

No Campionato non existe distinción por sexos, aínda que si por idades. Os nenos/as de entre 8 e 14 anos lanzarán a unha distancia duns cinco metros e terán os seus propios premios. Os maiores desa idade, lanzarán a uns dez metros. Debe terse en conta, así e todo, que nos xogos tradicionais as regras foron sempre acordadas antes de comezar cada xogo; precisamente por iso a organización tratará de respectar os puntos de vista consensuados entre os participantes antes de comezar a competición, razón pola cal as distancias poderán ser levemente modificadas, segundo as dificultades que se observen nas tiradas de adestramento.

O evento está organizado pola ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL (www.agxpt.org), entidade que leva desenvolvidas ao longo de toda a xeografía galega, do Estado e de Europa, máis de 350 actividades de divulgación do patrimonio lúdico tradicional. Na presente edición o Campionato conta co patrocinio da ADEGA “O MANDIL”, e co apoio do CONCELLO DE MELIDE, da SOCIEDADE DE PESCA DEPORTIVA “PONTE MAZAIRA” e da COMISIÓN DE FESTAS DE SAN ROQUE.

Achéganse, con rogo de divulgación, o cartel anunciador do Campionato e dúas fotografías correspondentes á VII edición do evento, celebrada no ano 2013.
Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional