Skip to main content

Analízase a colaboración local e autonómica para organizar a 40º Festa do Queiro de Arzúa en 2015

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, recibiu no seu despacho ao alcalde de Arzúa, José Luís García, co que analizou as posibilidades de colaboración entre as administracións que representan para a organización da vindeira Festa do Queixo de Arzúa, que se celebrará no municipio os días 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo, e que en 2015 acada a súa 40 edición.

No encontro, Do Campo amosou súa disposición a manter a cooperación que o departamento autonómico brinda cada ano a este evento, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999. De feito, recordou que o Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos. Nesa liña de actuacións inclúese a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade.

Ao mesmo tempo, o plan integral incide especialmente na potenciación do Camiño –que discorre polo municipio- como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional, figura o incremento do valor engadido e a rendibilidade da ruta xacobea. A través da ruta xacobea pode potenciarse tamén a enogastronomía galega, dado que contribúe ao deseño dunha oferta segmentada por intereses. Tamén a través da gastronomía se poden vivir experiencias singulares no Camiño, coñecendo a cultura gastronómica dos máis de cen concellos atravesados polas Rutas Xacobeas.

Neste senso, a máxima representante da Xunta na provincia brindoulle ao alcalde todo e diálogo para estreitar a colaboración neste eido, ao tempo que García aproveitou o encontro para trasladarlle á delegada a invitación a participar na vindeira Festa do Queixo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia