Skip to main content

Conde salienta en Burela o papel de Expomar como mostra do “liderado galego” nos sectores naval, pesqueiro e conserveiro

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou na clausura da feira náutico-pesqueira Expomar, que se celebra na localidade luguesa de Burela desde o xoves, o papel deste encontro como escaparate da competitividade e do liderado galego nos sectores naval, pesqueiro e conserveiro.

Conde, que estivo acompañado polo alcalde, José María González Barcia, sinalou así mesmo o importante papel deste encontro, que chega á súa décimo sexta edición, na transferencia das últimas innovacións da industria marítima e pesqueira ao mercado.

Así, o responsable de Economía e Industria salientou que Expomar permite “asomarnos ao futuro da pesca”, apuntando que Galicia está levando a cabo este futuro optimizando a eficiencia enerxética das embarcacións; implementando melloras de software; impulsando a eficiencia e a competitividade; deseñando novas instalacións frigoríficas; robotizando tarefas, ou mellorando a seguridade e o salvamento.

O conselleiro apuntou o papel que neste futuro xogan centros tecnolóxicos como Anfaco, ou a transformación do CIS Galicia no canalizador dunha nova era da innovación de cara ao naval 4.0, así como a posta en marcha de programas innovadores como o Innterconecta ou o Conecta Pemes.

Do mesmo xeito, Francisco Conde sinalou na súa intervención na clausura de Expomar a “unidade de acción” como a razón de que “década tras década esta feira e Burela sigan a ter éxito impulsando o liderado da pesca galega”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia