Skip to main content

Ourense amosa o seu potencial turístico na feira Expo Ciudades de Viana do Castelo

Ourense exporá en Viana do Castelo todo o seu potencial turístico na terceira edición da “Mostra de Turismo das Cidades do Eixo Atlántico, Expocidades”, que se celebra do 19 ao 21 de xuño.

O conxunto histórico-artístico, concentrado na zona vella, as excelencias gastronómicas baixo a marca #saboresdeourense e, sobre todo, o termalismo, serán os tres grandes eixes sobre os que xirará a promoción. A feira, que nace para mostrar as posibilidades turísticas, está enfocada ao turismo de proximidade dada a escasa distancia que existe entre as urbes e a variedade de ofertas turísticas.

Nesta terceira edición, logo das de Lugo e de Pontevedra -que recibíu máis de 10.000 visitantes en tres días- Expocidades estará emprazada no Centro Cultural de Viana do Castelo, obra do arquitecto Soto Moura, premio Pritzker (equivalente ao Nóbel de Arquitectura). Paralelamente ao desenvolvemento da feira haberá degustacións de produtos típicos: doces, pan, viños, conservas..., pero tamén actuacións musicais e teatrais, a exposición de aves do zoolóxico de Maia, proxeccións de vídeos documentais das cidades e encontros turísticos entre profesionais do sector.

O deseño da feira axustarase aos estándares de sostenibilidade tanto no emprego de materiais reutilizables coma na separación dos residuos, entre outros. A entrada é gratuita.

O Eixo Atlántico é unha entidade transfronteiriza referente do que acontece na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, e agrupa ás 38 principais cidades e entidades de Galicia e Norte de Portugal, metade galegas metade portuguesas.

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense