Skip to main content

Os oficios tradicionais e as novas tendencias danse cita na feira corazón da artesanía nos pendellos de Agolada

Os oficios tradicionais e as novas tendencias daranse cita unha vez máis no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, que do 3 ao 5 de xullo acollerán a cuarta edición do Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, organizado pola Consellería de Economía e Industria. Tal e como salientou esta mañá a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, na presentación do programa, na que tamén participaron o tenente de alcalde de Agolada, Héctor Martínez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, así como o presidente da Asociación Galega de Artesáns, Manuel González, e a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, Albino Quinteiro, o evento, consolidado como un referente anual do sector, ofrece un concepto de artesanía moi amplo, porque se basea no produto artesán galego e na súa interrelación con outros sectores como a gastronomía, o turismo, a moda, a decoración ou a música, así como no seu achegamento a toda a sociedade.

Sol Vázquez destacou a riqueza e heteroxeneidade do sector artesán galego, que quedará patente nos diferentes postos de exposición, venda e demostración de oficios que ocuparán o espazo dos Pendellos, un entorno único, un antigo recinto da feira restaurado que volve así á vida. Nesta cuarta edición, empregaranse 8 das novas edificacións que foron rehabilitadas nos últimos meses, o que repercutirá tamén nunha ampliación tanto no número de obradoiros artesáns e de postos de produtos alimentarios como doutras actividades como charlas sobre oficios, talleres participativos para o público infantil e adulto, exposicións, cursos de formación e presentación de diferentes proxectos de artesanía.

Tal e como destacou Vázquez Abeal, co obxectivo de abrir novas oportunidades de negocio para os artesáns galegos está prevista a participación no encontro do xaponés Kiyotaka Imai, xefe de compras da compañía HP France, con 90 tendas de decoración e moda en Xapón e presenza en Estados Unidos e Francia. Tamén asistirán ao evento dous xornalistas da empresa, que edita diferentes publicacións especializadas.

No encontro poderán ver o traballo dun total de 50 artesáns de oficios tan variados como cestería, instrumentos musicais, ourivería e xoiería, olería e cerámica, téxtil, elaboración de zocos e figuras de pan, cantería, montaxe de moscas para a pesca, marroquinería, follalatería, talla en madeira, zapatería, cerería, elaboración de redes, colareiras ou tornería. O Corazón de Artesanía incrementa considerablemente o número de empresas de alimentación que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos, que chegan a 46. Entre as novidades atópanse produtos como xeados artesanais, cafés tostados en Galicia, carnes de razas autóctonas ou un proxecto de pesca artesanal sostible.

Premios Nacionais de Artesanía

Os que acudan a Agolada poderán asistir ás presentacións de diferentes proxectos relacionados co traballo dos profesionais do sector artesán entre as que destacan “Sinerxías creativas: artesanía & deseño”, a cargo de Idoia Cuesta, gañadora do Premio Nacional de Artesanía 2014 na categoría de Produto. Tamén se presentará a App das Rutas de Artesanía de Galicia da Asociación Galega de Artesáns, Premio Nacional de Artesanía 2014 na categoría Promociona para Entidades Privadas.

Un ano máis, haberá espazo para as exposicións, e así, podera visitarse Oficios de moda. Ferramentas de sombreiría, unha visión sobre a confección de sombreiros e tocados nas diferentes épocas a través do papel da muller como motor da creatividade na moda ao longo da historia. Tamén estará aberta “Penumbrosos”, unha serie de cadros de Álvaro Negro.

Formación

No eido da formación especializada, o venres e o sábado celebrarase o workshop A asa. Análise, práctica e deseño, impartido polo recoñecido deseñador de orixe libanesa Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna. O sábado e o domingo, o fotógrafo alemán Peter Schneider traballará sobre Fotografía aplicada á artesanía. O domingo o comunicador audiovisual David Cabezón levará un workshop sobre Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato e, ao longo de toda a fin de semana, a artesá téxtil pontevedresa Viviana Araújo impartirá Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais.

Por outra banda, neste Corazón da Artesanía incrementáronse as actividades especificamente dirixidas aos máis pequenos, co obxectivo de introducilos en diferentes oficios artesanais. Así, poderán experimentar coa elaboración de instrumentos musicais, o origami, a reciclaxe ou a presentación en pezas de artesanía de pratos fríos que previamente elaborarán. Ademais, tanto o público infantil como o adulto poderán aprender a usar o torno cerámico, iniciarse na cestería ou participar na elaboración dunha peza colectiva de “patchwork”.

Outra das novidades do programa de actividades desta cuarta edición é Coas mans da experiencia, unha iniciativa na que o sábado pola mañá conversarán sobre os seus máis de 40 anos de traxectoria no sector tres referentes da artesanía galega: o cesteiro Antonio Suárez (Vigo), o zoqueiro Alfonso Ferro (Vila de Cruces) e o oleiro Aparicio Añón (Malpica de Bergantiños).

Artesanía no prato

Tamén se seguirá a afondar na relación entre gastronomía e artesanía, e neste sentido o deseñador Martín Azúa presentará o seu proxecto Food Line, como punto de partida para a elaboración dunha liña gourmet de produto artesán galego. Ademais, un ano máis, “Artesanía no prato” volve ter un espazo destacado na programación do Corazón da Artesanía. Nesta edición, os cociñeiros do grupo Nove Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario de Tui; Lucía Freitas, do establecemento A Tafona, en Santiago; Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé, na Coruña; e Hector López, do restaurante España, de Lugo, serán os encargados de showcookings nos que elaborarán menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas de Artesanía de Galicia. Moitos dos produtos que se empregarán nas eleboracións poderanse atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Estas actividades, cuxo horario se pode consultar na web de Artesanía de Galicia, é gratuíta, precisan inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo correo@adaptaconsultores.com.

O horario de apertura da feira é de 11:30 a 21:30 horas, aínda que as actividades se estenderán ata a noite grazas ás actuacións musicais de Guadi Galego, o venres ás 22 horas, e Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, o sábado ás 21 horas, que lle permitirán aos visitantes continuar coa xornada lúdica. A sesión vermú Lodeiros amenizada polo grupo Os lobos do espacio, o domingo ás 13:00, a actuación da Banda Municipal de Música de Agolada o sábado ás 13:00 e o espectáculo do grupo de música e baile tradicional Brincadeira, o domingo ás 20:00, completan a programación musical.

Porase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e, como novidade desta cuarta edición, con Melide. Os horarios poden consultarse na web de Artesanía de Galicia. Ademais, a organización da feira habilitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes, que poderán facer as súas reservas chamando ao teléfono 608757564.

A organización deste encontro, forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, e enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán forte e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia