Skip to main content

Destácase a singularidade da tradicional festa de A rapa das bestas, de Sabucedo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou as singulares características e capacidade de atracción de visitantes que ten a celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo. Fíxoo, durante a visita ao curro onde se celebra a rapa, esta mañá, na que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo alcalde da Estrada, José López Campos.

A Rapa das Bestas é unha festa cultural e turística que se celebra anualmente na parroquia de Sabucedo e na cal se recollen os cabalos do monte para metelos no curro, cortarlles as crins e marcalos para logo devolvelos ao monte. Esta celebración converteuse nunha referencia imprescindible e nunha cita ineludible no calendario de festas de Galicia o que levou a que no ano 2007 foise declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Neste senso, Nava Castro destacou durante a visita que a aposta polas celebracións tradicionais que xeran experiencias únicas no destino, ocupa un lugar moi relevante na política turística do Goberno galego, xa que constitúen importantes reclamos de atracción turística. Ademais subliñou que a relevancia que acada esta festa fai que logre unha incidencia directa no que atinxe á divulgación da oferta turística galega vinculada, impulsando así a mellora económica do sector.

Convenio de colaboración

A Xunta, a través de Turismo de Galicia vén de asinar co Concello da Estrada un convenio de colaboración para o apoio á celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo deste ano, por considerar este evento como un dos elementos esenciais para o desenvolvemento turístico de Galicia.

O convenio, establece un orzamento, con cargo á aplicación orzamentaria de “Axudas a festas de interese turístico”, que ascende a máis de 40.000 euros. Así, a achega da Xunta de Galicia contribuirá coas accións de promoción e difusión desta festa que constitúe unha das celebracións e tradicións máis importantes do verán galego.

As accións previstas neste acordo levaranse a cabo baixo a dirección e a supervisión dunha Comisión Mixta paritaria que velará polo cumprimento das obrigas das partes e adoptará cantas medidas e especificacións técnicas sexan precisas para garantir que as competencias se exercen de forma coordinada.

O acordo terá vixencia ata o 30 de setembro de 2015 e financiará gastos correspondentes ás accións desenvolvidas desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o remate da súa vixencia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia