Skip to main content

Ramón Chao recibirá unha homenaxe en Vilalba o vindeiro venres 28 de agosto

Participarán Afonso Blanco Torrado (Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña (Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano de Galicia).

O Comité Organizador quere destacar de xeito moi especial o feito de que nesta ocasión se produza a xuntanza de varias asociacións para darlle pulo ao recoñecemento da figura de Chao, afincado en París desde mediados da década de 1950 e que nunca perdeu o contacto coa súa Terra, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como queda patente no conxunto da súa obra.

A continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini e Mero, da frauta traveseira de Luis Soto e da gaita de Raúl Galego) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono 646 413890.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.

Noutra orde de cousas, dicir que o escritor chairego afincado en París- e pai do cantante Manu Chao- tamén será recibido o xoves 27 no Concello de Compostela polo seu alcalde, Martiño Noriega. O encontro terá lugar no Pazo de Raxoi ás 9:30 horas da mañá.
A Voz de Vilalba