Skip to main content

Uxía e Rodrigo Romaní actúan esta semana no festival de Lorient

Uxía subirase este xoves ao escenario do Theâtre de Lorient para presentar o seu traballo Uxía-o, o seu persoal tributo á obra de Uxío Novoneyra. Farao acompañada por unha banda de luxo integrada por Quim Farinha (violín), Santi Cribeiro (acordeón), Isaac Palacín (percusión), Bluenn Le Friec (arpa), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Sérgio Tannus (director musical).

Pola súa banda, Rodrigo Romaní actuará o sábado á noite na gran gala da arpa celta que terá lugar no Palacio de Congresos, onde esa mesma mañá ofrecerá unha master class. No seu concerto, interpretará os temas de Fíos de ouro no ar xunto a Beatriz Martínez (arpa) e Xulia Feixóo (percusión).

Axudas á actividades de distribución

A Agadic colabora na participación de ambos artistas galegos neste festival mediante a súa convocatoria de subvencións ás actividades de distribución para as industrias culturais, que este ano contou cunha dotación de 450.000 euros coa que deu resposta a 136 solicitudes para a realización de actuacións escénicas, concertos e accións promocionais da cultura galega en todo o mundo.

No caso do Festival de Lorient, a representación galega esténdese a case todos os escenarios, incluíndo o seu Gran Desfile das Nacións Celtas, no que o pasado domingo participaron a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte e o grupo de baile Saiñas de Xove.

Así mesmo, o 33 Trofeo Mac Crimmon de Gaita peninsular contou con catro solistas galegos: Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas. Esta gaiteira de Teo acadou a puntuación máis alta xunto ao asturiano Javier Menéndez, quen obtivo o galardón por ser o de menor idade dos dous.

Hoxe mesmo, tocará no Quai de la Bregtane o gaiteiro de Moaña Anxo Lorenzo, mentres que Pepe Vaamonde foi o encargado de impartir unha master class de gaita o pasado sábado. Pola súa banda, o cuarteto Sementeira actuará dentro do programa de música sacra.

Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade.

R.