Skip to main content

A Cidade da Cultura duplica o número de visitas no Nadal grazas a 'Castelao maxistral' e ás actividades para público familiar

Na Cidade da Cultura de Galicia programouse para estas datas unha programación específica de carácter familiar, Cidade do Nadal— e continuouse coa exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, que rexistra desde a súa apertura, o 5 de outubro de 2018, preto de 25.000 visitas, das cales preto de 3.800 foron escolares, xa que está a espertar un grande interese entre a comunidade educativa.

Precisamente, hoxe reiniciouse o curso lectivo, e con el as visitas educativas que ten activas a Cidade da Cultura de Galicia para dar a coñecer á comunidade escolar a arte —neste caso, a exposición Castelao maxistral—, a arquitectura e os espazos naturais do Gaiás. Para esta semana, xa está concertada a presenza de máis de 300 escolares que están a mergullarse na exposición e prevese que, ao remate da mostra, uns 8.000 escolares de toda Galicia teñan pasado polo Museo Centro Gaiás para coñecela, tendo en conta o número de centros rexistrados para beneficiarse deste servizo, de balde previa inscrición.

Cidade do Nadal

As familias que ateigaron a Cidade da Cultura ata o pasado domingo, 6 de xaneiro, mergulláronse nun escenario que recreou, con rúas prazas e casas, unha vila inspirada nos nadais de diferentes época e lugares e que estivo dinamizada por diferentes e variados obradoiros creativos para a cativada. O Museo Centro Gaiás converteuse por completo nestas festas nunha Cidade do Nadal engalanada coa luz e as cores propias desta época do ano. Como novidade este ano, a Cidade da Cultura estreou tamén unha iluminación exterior que percorreu os diferentes edificios do complexo. Un camiño de luz inspirado no ceo estrelado e nas constelacións da Vía Láctea, que guiou os visitantes desde a Biblioteca e o Centro de Emprendemento ata o Museo.

Cidade do Nadal pechou tras ofrecer o espectáculo para todos os públicos —Premio da Crítica Teatral en 2017— ‘A nena dos pardais’ e entregar os premios do tradicional Concurso de Postais de Nadal, no que participaron máis de 150 rapaces e rapazas, de 0 a 9 anos de idade.

As actividades que veñen

Durante os primeiros meses de 2019, a Cidade da Cultura de Galicia continuará a despregar a súa programación cultural, centrada en xaneiro nas accións dinamizadoras de Castelao maxistral. Así, para este 17 de xaneiro está prevista unha xornada dedicada ao exilio, xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo ‘A derradeira leición do mestre’, que artella o relato da mostra. Deste xeito, o 17 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) —cun repertorio centrado nos países que percorreu o intelectual galeguista— e un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional.

E para a última fin de semana de xaneiro, o 26 e 27, volverá o festival internacional de curtametraxes, Pequefilmes. Dous días de proxeccións, votacións, premios do público e obradoiros cos que dar resposta á demanda dun público pequeno en tamaño pero grande en esixencias. Nestas dúas xornadas contarase cunha emocionante e amplísima escolma das mellores producións internacionais actuais para esta audiencia, moitas delas premiadas e seleccionadas nos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo (Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest...).
R.