Skip to main content

O Gaiás recibe a centos de familias para gozar dunha tarde de circo e espectáculos na ‘Cidade Imaxinaria’

Cidade Imaxinaria Primavera ofreceulles ás persoas asistentes unha tarde de sábado familiar, ao aire libre e de balde, na que durante catro horas ininterrompidas os xogos de enxeño, instalacións e espectáculos itinerantes compartiron espazo e programación con acróbatas, equilibristas, funcións de teatro e clown, e outros contidos de temática circense que conquistaron a cativada.

Entre as 16,00 e as 20,00 horas os espectáculos sucedéronse en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura. Así, tanto a Praza Central como o anfiteatro ao aire libre do novo Xardín do Teatro -aberto ao público desde a pasada Semana Santa- acolleron funcións de novo circo, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para conter o alento. Actuacións itinerantes cheas de cor, como a dos Coruscantes -seres de fantasía que se desprazaron polo complexo acompañando as familias- fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas.

Escola de saltimbanquis e un gran labirinto de cor

Nunha cita que chegaba só uns días despois da celebración do Día Internacional de Circo, non faltou tampouco a xa tradicional escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria, que incluíu catro espazos onde a cativada puido deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

Os exteriores do Gaiás acolleron tamén vistosas e divertidas instalacións que incluían xogos de enxeño creados a partir de materiais de refugallo ou un labirinto de paredes de cor, repleto de encrucilladas e corredores con adiviñas visuais e probas de habilidade. Un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos e unha zona de relax a modo de taberna de fantasía con esculturas de cores rechamantes e formas imposibles completou a oferta de ocio familiar desta Cidade Imaxinaria Primavera, na que non faltaron tampouco os postos de bebida e petiscos doces e salgados cos que repor enerxías.

Para facilitar que as familias se achegasen a esta xornada festeira contouse con reforzo no servizo de autobuses, que se sumou ás habituais Liñas 9 e 11 que conectan o Gaiás co centro de Compostela.

Nova cita o 24 de agosto

Cidade Imaxinaria volverá ao Gaiás o vindeiro sábado 24 de agosto na súa tradicional cita de verán, novamente cunha tarde chea de cor, diversión e espectáculos abraiantes para toda a cativada con entrada libre e de balde.
R.