Skip to main content

A Cidade da Cultura festexará o Día da Música cun concerto de Os Resentidos o 21 de xuño na Praza Central do Gaiás

Por este motivo, esta formación -enxerida na coñecida como a movida viguesa- converteuse nun referente para as novas xeracións de músicos do país e un dos grupos máis célebres fóra de Galicia, ata o punto de que Fai un sol de carallo foi un dos dous únicos discos en galego -xunto a Me llamo Andrés do Barro Lapique, de Andrés do Barro- incluídos no libro 201 discos para engancharse al pop/rock español, de Tito Lesende e Fernando Neira.

Críticos, inconformistas, irreverentes, indignados.... Así o recollen unhas letras radicais e comprometidas coa realidade do seu tempo, nas que se falaba da reconversión naval, do paro ou da crise dos sectores produtivos primarios de Galicia e que, moitas delas, manteñen a súa vixencia na actualidade. Así, Somos 29 na casa e estamos todos no paro de Economía sumerxida teñen máis de vinte anos, pero parecen inspiradas en titulares de xornais ou novas dos informativos.

Os Resentidos envolven toda esta indignación nunha peculiar fusión de rock, funk depresivo, rap, pop e folk cunha retranca intelixente, na que sempre hai convite para a festa. Precisamente, nos últimos 80 a súa popularidade era tan grande e tan heteroxénea que alternaban as actuacións como gran atracción nas festas patronais das vilas galegas con presentacións nos máis selectos platós televisivos de Madrid. Hoxe en día moitos dos seus temas forman parte da listaxe de imprescindibles nas orquestras e nas verbenas actuais.

Todos estes temas, xunto a unha selección de novas composicións, vanse poder cantar e bailar o venres 21 de xuño, ao aire libre, na Praza Central do Gaiás, con entrada de balde. A banda subirase ao escenario ás 21,00 horas, capitaneada polo seu histórico líder, Antón Reixa.
R.