Skip to main content

Focus Galicia difundirá a música galega entre os responsables dos 25 principais festivais e circuítos internacionais

A Xunta difundirá o talento do noso sector musical entre os 25 programadores máis importantes do mundo a través do Focus Galicia 2023, evento previo á celebración na Coruña da vindeira edición do Womex (World Music Expo), que ten como obxectivo a promoción internacional da música galega actual. Trátase dunha acción incluída no Plan Xeración Cultura posto en marcha este ano polo Goberno autonómico que busca a proxección exterior da nosa cultura.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica as bases reguladoras para a selección dos 10 proxectos musicais para a súa exhibición en formato showcase no Focus Galicia 2023, que se desenvolverá en distintos escenarios e lugares de Galicia entre o 22 e o 24 de outubro.

As normas que rexen o procedemento de escolla xa se poden consultar na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais e nelas especifícanse que o prazo da convocatoria está aberta durante 10 días (ata o 31 de xullo) en exclusiva para empresas, solistas e bandas profesionais do ámbito musical.

Música ligada ao territorio

A decena de grupos e artistas que conformen o cartel definitivo do Focus Galicia 2023 ofrecerá actuacións de 30 minutos que se desenvolverán en distintas localizacións da xeografía autonómica a través dun programa deseñado á medida do perfil dos visitantes.

Esta descentralización da actividade ten como obxectivo achegarlles valor engadido ás propostas musicais, logrando un escaparate singular para difundir a creatividade dos artistas participantes. Focus Galicia preséntase así como un evento de experiencias de identificación da música e do territorio onde se desenvolve, para brindarlles aos programadores de festivais e circuítos internacionais unha visión de conxunto sobre a creatividade do noso sector musical.

Focus Galicia desenvólvese días antes da celebración da 29ª edición do Womex (World Music Expo), o encontro de música tradicional e de raíz máis importante do mundo, que A Coruña acollerá neste 2023 entre o 25 e o 29 de outubro e que conta co apoio da Xunta para a súa celebración.

Apoio a Trilitrate e Ailá en Womex

Dentro desta mesma estratexia de colaboración, no escenario local de Womex, Atlantic Connections, actuarán os grupos galegos Trilitrate e Ailá, que se sumarán a Baiuca, este último desde a sección oficial. As tres formacións foron elixidas polo propio xurado internacional de Womex para formar parte da carteleira do evento.

Será a terceira ocasión na que este importante foro profesional —que inclúe unha ampla zona de feira e de networking, así comoconcertos, conferencias e proxeccións audiovisuais— se celebra en Galicia, tras as citas en Santiago de Compostela de 2014 e 2016. Esta implicación da Xunta con Womex ao longo dos anos, que continuou mediante a organización de delegacións galegas ás edicións posteriores de Budapest, Porto ou Lisboa, forma parte da estratexia de difusión e promoción internacional do Goberno autonómico para a industria musical galega.

Esta dinámica refórzase coa programación do Focus Galicia por parte da Xunta nos días previos de cada Womex que se celebra na nosa Comunidade. Deste xeito, fornecerase a proxección exterior do noso talento musical ao poñer en contacto estreito os proxectos seleccionados cos programadores do panorama internacional que se trasladarán a Galicia no mes de outubro.
R.