El Gobierno gallego anuncia un Plan Estratégico para las pymes del sector textil

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra anunciou que a Dirección Xeral de Comercio está a elaborar un Plan Estratéxico Industrial para as pequenas e medianas empresas do sector téxtil galego coa finalidade de mellorar a competitividade desta industria. Guerra, que fixo estas declaracións na súa visita ao Salón Internacional de Moda de Madrid (SIMM 2010), adiantou que “a Consellería de Economía e Industria presentará, en breve, un plan estratéxico integral, que suporá un verdadeiro esforzo orzamentario”.
Guerra explicou que “con este plan, o Goberno galego, en colaboración co sector téxtil (Cointega), quere fomentar unha actitude proactiva fronte á actual conxuntura económica, e favorecer a mellora competitiva das máis de 500 pequenas e medianas do sector”. “A moda galega debe aproveitar esta oportunidade e innovar cara a un modelo que busque a excelencia, actuando sobre o mercado nacional e converténdoo no referente para a posterior internacionalización”, engadiu.
Ademais, no seu percorrido polo stand Xunta-Cointega, Javier Guerra renovou “a aposta do Goberno galego a prol da innovación tecnolóxica no sector textil” e explicou nesta edición do SIMM 2010 Galicia aporta unha das principais novidades coa instalación dun probador cun “Magic Mirror” ou espello interactivo, que consiste nunha pantalla dixital de alta resolución cunha cámara que mostra aos clientes como quedarían as pezas, sen necesidade de probarllas.
Esta ferramenta interactiva tamén suxire posibles combinacións e complementos que facilitan o proceso de compra. Asemade, as imaxes captadas poden ser compartidas a través das redes sociais como a páxina de Facebook especialmente creada para a edición de SIMM 2010.
Nesta feira, na que participan unhas 30 empresas do téxtil galego, tamén mostrase a calidade dos deseños e a produción da moda galega coa proxección continuada das coleccións de moda galega, a través das cinco pantallas do stand institucional.
A Consellería de Economía e Industria, aposta pola innovación tecnolóxica no sector téxtil e apoia a presenza da moda galega no Salón da Moda de Madrid 2010, como un xeito de proxectar a calidade desta industria a nivel nacional e internacional. Galicia acude este ano por primeira vez como comunidade invitada, de xeito que reforza a súa presencia institucional mediante un stand no que se facilitará información permanente sobre as posibilidades que ofrece o sector.
R.