Skip to main content

El Womex 2014 convierte a Santiago de Compostela en la capital mundial de la música

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou a vixésima edición da World Music Expo Womex 2014, a maior e máis importante feira internacional das músicas do mundo que reunirá en Santiago a uns 2.600 participantes procedentes de 100 países entre o mércores 22 e o domingo 26 deste mes de outubro. No acto tamén interviron o alcalde da cidade, Agustín Hernández; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; o músico Xosé Manuel Budiño; Antón Martínez en representación de Nordesía Producións; e Cecilia Barro, da Corporación Hijos de Rivera.

Durante a presentación, o conselleiro Vázquez Abad cualificou o evento como “o mercado internacional máis importante para a promoción da música tradicional e de raíz”, xa que tan só en cinco días a capital de Galicia acollerá a edición de Womex con maior número de participantes do último quinquenio (un 5 por cento máis que na anterior edición). A Cidade da Cultura xunto con outros espazos da cidade vella converteranse nos escenarios dun total de 60 concertos nos que participarán 300 músicos de todo o mundo.

Womex leva xa 19 edicións por toda Europa e esta é a primeira vez que a organización do evento escolle Galicia polo que significa un “recoñecemento profesional unánime ao prestixio acumulado pola nosa música ao longo da súa historia, así como ao seu pulo creativo e interpretativo e ao labor da nosa industria musical actual”, recalcou o conselleiro, que tamén subliñou que se prevé un importante retorno económico para
Galicia estimado en 2,5 millóns de euros.

Segundo explicou Vázquez Abad, a Consellería de Cultura e Educación promove a presenza da música galega en Womex 2014 a través dun stand no que, baixo a marca común de difusión exterior GalicianTunes, operarán unha vintena de compañías profesionais galegas que representan a medio cento de formacións artísticas do noso país de todos os estilos e formatos, cun especial tratamento á música tradicional e de raíz. Deste xeito, o espazo GalicianTunes –ubicado no Museo Centro Gaiás– será o epicentro de traballo para o negocio musical galego en Womex 2014.

O conselleiro destacou a presenza dos tres artistas galego que estarán na programación de Womex e que son Davide Salvado, seleccionado para a sección oficial, así como Uxía e Germán Díaz, que estarán no escenario ‘Atlantic Connections’. Así mesmo salientou o “excelente nivel” de participación da música ibérica e do ámbito lusófono na sección oficial do certame con nomes como os dos lisboetas DJ Marfox e Lula Pena, a fadista portuguesa Mariza, o andaluz Raúl Rodríguez, o brasileiro Ed Motta ou a agrupación caboverdiana Cesária Évora Orchestra, entre outros.

Entre as novidades desta edición, e como parte do apoio promocional tense editado o CD ‘A way to The Atlantic’, que se entregará a todos os acreditados a través dun encarte coa revista especializada ‘Songlines’.

Os concertos divídense en tres grupos: a Selección Oficial, que acolle a músicos de todo o mundo elixidos por un xurado internacional e que se poderán ver na Praza da Quintana e no Auditorio Abanca; o escenario Atlantic Connections, con propostas musicais da Península e de América Latina (Teatro Principal); e, por último, o escenario offWOMEX, onde se poderán ver propostas alternativas (Salón Teatro). Para a asistencia aos mesmos, están á venda bonos a 55 euros ademais de entradas individuais para as actuacións na Praza da Quintana por 20 euros a anticipada. Ademais haberá un DJ Summit que terá lugar na Sala Capitol e que acollerá o venres 24 e o sábado 25 cinco DJ sessions.

Ademais dos concertos, a feira profesional contará con 600 empresas e profesionais deste sector das industrias culturais e creativas presentes en 270 stands, e complétase a oferta con 22 conferencias e 17 xuntanzas de networking, entre outras actividades. Ademais haberá un DJ Summit que terá lugar na Sala Capitol e que acollerá o venres 24 e o sábado 25 cinco DJ sessions.

En cooperación co IMZ International Music + Media Centre de Viena, a Cidade da Cultura acollerá durante o día unha programación de cine. Como novidade nesta edición, a maiores haberá unha programación especial con motivo do 20 aniversario de WOMEX con proxeccións abertas ao público polas tardes no Centro Galego de Arte Contemporánea.
Womex está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), e como socio local forma parte da organización Nordesía Producións en partenariado con AGADIC (Xunta de Galicia), a Cidade da Cultura e o Concello de Santiago. Tamén apoia o evento INCOLSA, o INAEM, a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, mentres que o principal patrocinador privado é Maeloc/Estrella Galicia.

Más información: http://www.womex.com/
R.