Skip to main content

Productoras gallegas participan en el intercambio comercial con el audiovisual latinoamericano a través del mercado Ventana Sur, de Buenos Aires (Argentina)

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O audiovisual galego volve contar con representación no mercado Ventana Sur de Bos Aires a través dunha delegación integrada por cinco produtoras, que se desprazaron á capital arxentina co apoio económico e institucional da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O encontro, que desenvolve a súa sexta edición ata o venres día 5, é unha das feiras estratéxicas para o intercambio comercial e a procura de oportunidades de negocio no ámbito latinoamericano.

Adivina Producciones, Xamalú Filmes, Filmax Galicia, Zircozine e We Love Wanda compoñen esta misión comercial, que se insire á súa vez no programa de internacionalización do audiovisual galego que Cultura e Educación vén desenvolvendo por medio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración co Igape (Instituto Galego de Promoción Económica). A través desta liña de promoción exterior, sufráganse parte dos gastos de pasaxes, aloxamento e acreditacións dos representantes das devanditas compañías.

Promovido polo Instituto Nacional de Cine Arxentino (INCAA) en colaboración co prestixioso Marché du Film de Cannes, Ventana Sur conta co apoio do programa Europa Creativa da Comisión Europea como un dos mercados de referencia para estreitar os lazos entre as industrias audiovisuais de Europa e Latinoamérica. Desde a súa fundación en 2009, o encontro arxentino non deixou de medrar, de xeito que en 2013 congregou un total de 2.115 profesionais do sector de todo o mundo, 400 deles acreditados como axentes compradores e vendedores.

Aberta a convocatoria para o European Film Market de Berlín
No marco deste mesmo programa de internacionalización promovida pola Consellería de Cultura e Educación, o audiovisual galego participou este ano noutras citas clave na procura de socios e compradores de todo o mundo para os produtos e proxectos cinematográficos e televisivos desenvolvidos por empresas galegas. É o caso das pasadas edicións do Marché du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes, así como do European Film Market de Berlín. Precisamente nestes momentos e ata o 10 de decembro, a Agadic e o Igape manteñen aberta, en colaboración co Clúster Audiovisual Galego, a convocatoria ás produtoras interesadas en formar parte da misión comercial que asistirá á próxima edición do European Film Market, que se celebrará do 5 ao 13 de febreiro en paralelo ao Festival Internacional de Cine de Berlín.
R.