Skip to main content

La Feria de Arte Contemporáneo Galicia Cuarto Público reúne en Compostela a más de 400 artistas en 50 actividades programadas en marzo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A feira de arte contemporánea de Galicia Cuarto Público regresa este ano coa súa terceira edición, que se celebra entre o 11 e o 13 de marzo no NH Collection de Santiago de Compostela coa implicación de máis de 400 artistas e con máis de 50 actividades programadas.

O hotel compostelán acolleu a rolda de prensa na que se deu a coñecer o novo programa da feira, organizada por Territorio Cultura co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Paula Cabaleiro e Xulia Santiso, ambas directoras, presentaron a programación desta “iniciativa diferente e orixinal para lle achegar a arte a diferentes públicos, ao tempo que se presenta como unha plataforma para impulsar a dinamización da nosa creación cultural e como unha canle para favorecer a compra-venda de arte actual”, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Segundo asegurou durante a presentación, Cuarto Público é froito dun amplo traballo colectivo, que se sustenta, principalmente “no bo facer, no esforzo e na ilusión por parte da organización, no compromiso das empresas e entidades que cada ano acoden a esta cita, na diversidade de disciplinas e de formatos aos que se lles dá cabida, no amplo número de artistas que participan na programación de actividades e na suma de apoios de diferentes organismos e institucións”.

A concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o director do NH Collection, Esteban Iglesias, tamén participaron na rolda de prensa en representación do resto de institucións e entidades que apoian a feira.

Cuarto Público contará na súa terceira edición con galerías e espazos de arte procedentes de distintos puntos de Galicia, do resto de España e mesmo do estranxeiro, como as galerías Trinta, Metro e Bus Station Space de Santiago de Compostela; Dispara, da Estrada; About Art Gallery, de Pontevedra; Lab-in, de Vigo; Monty4, da Coruña; La Aurora, de Murcia; Siboney, de Santander; o Espaço Genoveva Oliveira, de Lisboa; e a Ufo Fabrik Gallery de Trento (Italia), entre outras.

Con máis de 400 artistas implicados e máis de 50 actividades programadas, Cuarto Públicio busca achegarlle a arte á cidadanía cun programa que inclúe 20 proxectos expositivos, unha sección editorial, unha sección de proxectos alternativos e un foro de presentación, ademais de accións artísticas en vivo, con música, performance, moda, poesía, grafitti e danza, e de actividades didácticas e visitas guiadas.

Como antesala á apertura da feira, Cuarto Público ofrecerá diversas actividades en museos, fundacións, espazos expositivos e universidades das principais cidades galegas. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que o pasado mes de novembro xa acollera o I Encontro de Performance Cuarto Público, volve ser protagonista co espectáculo de danza contemporánea ‘Permodus’, que terá lugar o 10 de marzo ás 19:00 horas, con entrada libre. Ademais, o centro de arte, xestionado pola Consellería de Cultura e Educación, estará presente un ano máis na feira cun stand propio.

Tamén se exhibirán en diferentes cuartos do hotel os proxectos gañadores da segunda edición dos galardóns de Cuarto Público. O Premio Xunta de Galicia recaeu na obra ‘365 maneiras de estar nun cuarto’, do ourensán Rosendo Cid; mentres que os premios Concello de Santiago e NH Collection Santiago foron, respectivamente, para os proxectos ‘Con/sin Visado’, do marroquí Amine Asselman, e ‘Antípodas’, do xixonés Román Corbato e do gaditano Miguel Benjumea.

A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando con diferentes iniciativas e mostras artísticas. En 2015, impulsou a difusión dos artistas galegos a través do seu apoio a proxectos como a Bienal de Pintura Laxeiro e a diversas exposicións. Coa colaboración da Xunta de Galicia, o pasado mes de decembro inaugurouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel a primeira mostra individual en Ourense do artista Manuel Quintana Martelo e, no mes de abril, inaugurábase en Madrid, no Centro Cultural Conde Duque, a mostra dos artistas galegos Alejandro González Cruz ‘Alexandro’, Antón Lamazares e José Manuel Vidal Souto. Nos meses de abril e maio expúxose, tamén coa colaboración da consellería, a mostra antolóxica dedicada ao pintor e escultor silledense José Antonio Fondevila, na Casa da Cultura de Silleda.
R.