Esta romaría toma seña de identidade o día 26 de xuño de 1864 co traslado a hombros da escultura da Virxe da Saleta dende Santiago, costeada pola familia Rivas do Pazo de Sestelo. Este feito conmemoraba a aparición da Virxe no lugar de La Salette nos Alpes franceses o día 19 de setembro de 1846.
Actos: A romaría da Saleta ten lugar durante os días 18 e 19 de setembro, se ben todo comenza nove días antes do principal coa celebración dun novenario e procesión das antorchas de moita devoción e vistosidade. O día grande é o 19 de setembro, cando teñen lugar misas durante todo o día, destacando a solemne concelebrada e cantada pola Coral P. Trasdeza ao mediodía no anfiteatro exterior con exposición da imaxe da Saleta e posterior procesión.
Resaltar que este centro de irradiación mariana sempre trouxo moitos romeiros para pedir milagros e favores, que segundo constan en documentos e ofrendas se concederon a centos.
De aí que se crearon toda sorte de acitividades paralelas, entre as que cabe destacar as ceas do día 18 e xantar do 19, que se producían entre a cantidade de visitantes que procedentes de infinidade de puntos de toda Galicia durmían nos arredores. Hoxe, a tradición continúa, sendo un punto de encontro para tódolos veciños das parroquias lindantes que non deixan pasar estas datas sen facer a visita obrigada.