Skip to main content

O Festival Atlántica volve este outono para completar a súa oitava edición

Na súa intervención, Mercedes Rosón lembrou que Atlántica naceu en Santiago no ano 2013 e que daquela mantén “a súa esencia de encontro de voces e historias que suman tradición oral á cultura atlántica”. Logo da interrupción de marzo, o Festival vai regresar a Galicia “os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con actuacións en formato híbrido, ou sexa, en liña e presenciais, nas que se garantirá, en todo momento, o cumprimento das medidas anticovid e a seguridade das persoas asistentes”.

A concelleira destacou que na sede de Santiago “están programadas actuacións no Teatro Principal, na Igrexa da Universidade, nos centros socioculturais de Fontiñas, de Santa Marte e de Vite; no Centro Xove da Almáciga; na biblioteca Ánxel Casal; na Igrexa da Universidade e na Nave de Vidán”.

Novas medidas, mesma ilusión

Na súa quenda, Soledad Felloza, a directora do Festival, subliñou o feito de que “Atlántica, no mesmo ano e co mesmo orzamento, vai ser quen de sacar adiante dúas veces o Festival grazas á xenerosidade do equipo técnico e dos artistas, que volven para cumprir co seu compromiso co público”. Unha volta que se fai “con todas as medidas de seguridade, con moita ilusión e, sobre todo, con moito respecto: coidándonos e coidando ao público”.

Felloza tamén quixo salientar que “os artistas desta edición, como moita xente da cultura, compartiron o seu traballo nas redes para aliviar o tempo de confinamento” e agora, aínda que sexa nestas condicións, o que desexan é “volver a estar en contacto coa xente”. A directora do Festival animou á participación, pregando polo seguimento das normas e recomendacións sanitaria.

No tocante aos aforos, Felloza lembrou a necesidade de “facer un uso responsable das prazas dispoñibles, que por mor das medidas de seguridade son reducidas”. Nos espectáculos presenciais “cómpre inscribirse por adiantado e avisar se non se pode acudir, porque hai moito interese e hai persoas en lista de espera”. Os horarios das funcións tamén “se deseñaron tendo en conta o toque de queda e que se poida regresar a casa con calma”.

Malia non poder participar na rolda de prensa, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, quixo deixar patente o apoio da súa entidade aos festivais polo seu labor como plataformas de difusión da cultura. Un apoio que no caso do Festival Atlántica ten unha dimensión especial “polo seu contido tan vinculado á tradición oral”. Alén diso, Couto agradeceu tamén o traballo da organización para desenvolver un programa cultural nestas circunstancias e aproveitou para lembrar “que a cultura non contaxia e é saudable”.

Actualización continua

A información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén está dispoñible o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.

A programación vaise desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e, alén diso, para o 5 e o 6 de decembro están previstas outras dúas funcións que completarán a edición deste ano do Festival Atlántica. Serán en total 24 espectáculos nos que participarán os narradores Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez ‘Guti’, (Zamora), Rubén Martínez Santana (Venezuela), Fernando Saldaña (Salamanca), Sandra Araguas (Huesca) e mais os galegos Ramiro Neira, Charo Pita, Pablo Díaz, Santi Prego e Sole Felloza.

En función das restricións sanitarias de cada concello, as actuacións serán en liña ou presenciais. Polo de agora, xa está previsto que a programación de Ferrol e Teo se desenvolva telemáticamente. No que respecta ao resto dos concellos, as funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.
Festival Atlántica 2020