Skip to main content

II Feira da Artesanía de Outeiro de Rei (Lugo)

A II Feira da Artesanía de Outeiro de Rei ten lugar o sábado 5 de xullo coincidindo coa celebración do XIV Karting de Outeiro de Rei e coas tradicionais Festas de Santa Isabel que se desenvolven os días 4,5,6 e 7 de xullo.

Ese día, de 12:00 h. a 22:00 h. poderanse ver espalladas por varias rúas da vila de Outeiro de Rei moitas pezas de artesanía procedentes, na súa maior parte,de varios recunchos da xeografía galega. Na actualidade teñen confirmada a súa participación 72 artesáns de diferentes sectores (madeira, traxes rexionais, cerámica,taracea, esmaltes, cestería, encaixe, ferro, prata e bisutería, coiro, vidro, tecidos, instrumentos musicais, pintura, estampación…).

Un dos atractivos desta feira será a realización de varias demostracións en vivo, entre as que son de destacar as que levaran a cabo representantes das catro olerías de tradición que aínda perviven en Galicia: Buño, Niñodaguia, Gundivós e BONXE, escrita esta última con letras maiúsculas porque, sen evidentemente desprezar a ningunha das anteriores, BONXE representa a tradición e a historia dun oficio artesanal neste Concello de Outeiro de Rei. Así que poderemos contemplar en directo as habilidades destes artesáns que transformarán, coas súas incribles mans, pedazos de barro en obxectos de decoración, útiles de cociña… Paralelamente, ao longo da xornada esta previsto que os nenos e rapaces que o desexen poidan disfrutar tamén co barro nun obradoiro que permanecerá aberto durante boa parte da xornada e que complementa a oferta de obradoiros e xogos que se realizaran ese día (contacontos, reciclaxe, xogos populares…).

Tamén están previstas outras demostracións de oficios: un ferreiro, un soprador de vidro, unha tecelana e unha fiadora…
Ademais, haberá un espazo adicado aos produtos de alimentación de calidade; mel e aceite de Quiroga, licores artesáns, conservas do Caurel, viño ou doces serán algúns dos produtos que se poderán mercar nesta feira.

Este ano o espazo destinado á feira medra con respecto ao ano pasado polo que partindo da vila (onde se concentran unha boa parte dos expositores) e camiñando cara o Campo de Santa Isabel(fermosísima carballeira situada a carón do río Miño), poderemos atopar moitos máis postos e inclusive algún obradoiro.
Outro dos atractivos da feira será a degustación gratuíta de produtos (o Concello prevé ofrecer 2000 racións de carne ao caldeiro e 6.000 filloas, que serán servidas polo restaurante “Miño” emprazado no termo municipal; estas degustacións terán lugar en horario de 14:00 a 16:30 h e de 20:30 a 22:30 h ). Nas inmediacións da carpa destinada á degustación instalarase unha panadería que ofrecerá gran variedade de produtos (doces,empanadas etc) e está previsto un posto con polbo.

Nesta edición poñerase en marcha unha nova iniciativa para dar a coñecer e promocionar os recursos turísticos do municipio. Con este motivo, un bus turístico percorrerá varios puntos de interese do Concello; para participar nesta actividade será necesario inscribirse ao longo da xornada na caseta do Concello, emprazada na propia feira. A saída do bus está prevista para ás 17:30 h. É gratuíto e poden participar as persoas que asi o desexen ata cubrir as prazas do autocar.

Outra actividade programada para este día será unha exhibición canina de obediencia e defensa levada a cabo polo Centro Canino Fontao que terá lugar no Campo de Santa Isabel as 18:30 h.
O programa da feira completarase coas actuacións musicais da Banda Municipal de Música de Outeiro de Rei, do Grupo de Gaitas da Asociación Cultural “ Penas de Rodas” e da Agrupación Folclórica “Río Miño” de Portomarín.

O Concello de Outeiro de Rei porá á disposición dos veciños e visitantes un stand de promoción turística e de información sobre a feira emprazado nas proximidades da Casa Consistorial; nesta última, poderase contemplar unha exposición monográfica sobre o río.

Pódese consultar o programa da feira na web municipal: www.outeiroderei.org
Concello de Outeiro de Rei