Skip to main content

Pesca promociona os produtos do marisqueo e da acuicultura en Xantar 2009

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa ata o día 8 de febreiro, no Salón Galego de Gastronomía e Turismo de Ourense, Xantar 2009, que se celebra nas instalacións do recinto feiral Expourense. O departamento que dirixe Carmen Gallego asiste a este evento cun stand de 48 metros cadrados, que se sitúa no centro do recinto, e que dobra a superficie que presentou na edición pasada deste certame.

A Consellería de Pesca acude este ano á cita ourensá co obxectivo primordial de promocionar os produtos galegos da pesca, o marisqueo e a acuicultura entre os asistentes, así como a marca de calidade para os produtos do noso mar, “pescadeRías, ¿de onde se non?”. Para iso, e dado o marcado carácter gastronómico de Xantar 2009, Pesca realizará varias actividades no seu stand ao longo dos cinco días que dura esta feira. Así, desenvolverá un programa diario de degustacións de recursos mariños galegos nas horas de maior afluencia de público, é dicir, entre as 13,00 e as 15,30 horas, facendo especial fincapé na fin de semana cando se espera a maior parte das visitas.

No marco destas actividades tamén se inclúe a achega de información da marca “pescadeRías” a todos os asistentes, a quen se lles explicarán os pormenores deste distintivo posto en marcha polo departamento que dirixe Carmen Gallego o pasado mes de marzo, así como da Denominación de Orixe Protexida “Mexillón de Galicia”, para este molusco cultivado nas nosas augas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia