Skip to main content

O salón Mi Casa 2011, escaparate do sector do moble que emprega en Ourense a máis de 1.200 persoas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, foi o encargado de inaugurar Mi Casa 2011, o Salón do Moble, Fogar, Decoración e Antigüidades. Abriu as súas portas en Expourense ata ó 27 de novembro, co obxectivo de motivar a oferta e a demanda, nestes momentos nos que as empresas deben estar máis preto dos seus clientes para coñecer as súas necesidades e ofrecerlles produtos adaptados ós mesmos de distintas categorías e estilos.

Na súa intervención, Rogelio Martínez, salientou que “MI CASA é unha feira que demostra a profesionalidade, calidade, creatividade e innovación dos empresarios galegos, e de xeito particular dos de Ourense, do sector do moble e da decoración. Actividades coma estas axudan a dinamizar o comercio, reavivar a economía e activar o consumo”.

Destacou que “o moble é un dos sectores que mellor representa o bo facer das empresas da nosa provincia, integradas na práctica totalidade na Asociación Ourensá do Moble e a Decoración, entidade que organiza esta cita xunto con Expourense”, dixo.

Este certame compleméntase coa terceira edición do Salón Inmobiliario que facilita o contacto directo entre a oferta e a demanda inmobiliaria existente en Ourense e Galicia.

Sinalou tamén que “o moble é un sector que serve de exemplo para representar ó tecido empresarial ourensán pola calidade coa que traballan e que os fai cada vez máis competitivos no mercado, pero tamén pola cantidade de empregos que xera, xa que non podemos esquecer que se trata dun sector que da emprego directo en Ourense a máis de 1.200 persoas. Comentaba Juan Carlos Parada na presentación da feira que estas pemes que teñen todo seu o patrimonio na empresa e crean emprego fixo. Penso que esta realidade temos que recoñecela e felicitalos por iso”.

Preséntase tamén neste salón “Visionaire”, un proxecto galego con financiamento europeo, que revoluciona o mobiliario de oficina, “animo a que este proxecto sirva de exemplo para que o sector do moble continúe apostando pola innovación e a modernidade, agardo que se fagan contactos, que se xere negocio e entre todos axudemos a seguir loitando polas nosas empresas, polos traballadores e polo benestar da sociedade”, sentenciou Martínez.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia