Skip to main content

Aumenta un 20% o número de expositores que acuden ao salón Xantar 2014

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou o crecemento experimentado nos últimos anos pola feira Xantar, Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, que se celebra dende onte e ata o día 9 no recinto de Expourense.

Na visita a este certame, Rosa Quintana sinalou que este evento “medra un ano tras outro” e destacou que “este ano, ademais dun impresionante crecemento de case un 20% nos stands, conseguiu ser declarada Feria Comercial Internacional pola Secretaría de Estado de Comercio”.

A titular de Medio Rural e Mar felicitou á organización de Xantar por estes logros e referiuse ao desenvolvemento turístico e gastronómico de Galicia indicando que “o aproveitamento dos nosos excepcionais produtos, así como a súa exportación cada vez maior co respaldo dos selos de calidade é un dos grandes éxitos da nosa Comunidade”. Nesta liña, a conselleira definiu a Galicia como “paraíso gastronómico e turístico”.

Rosa Quintana engadiu que “gardar a esencia do que exemplifica o ser de Galicia, os nosos costumes, tradicións e turismo é un empeño no que estamos embarcados todos os galegos cun sentido de país, con sentido e sentimento de manter, innovar, exportar e dar a coñecer o que é noso”.

Neste sentido, apuntou que “desde o Goberno de Galicia apoiamos os nosos produtos plasmando nos orzamentos de 2014 arredor de 13,6 millóns de euros para a mellora da calidade da produción agropecuaria e destinamos 19,7 millóns de euros a axudas para a súa industrialización e comercialización”, porque entendemos –dixo– como fundamental apoiar a súa constante mellora e produción.

Xantar abriu as portas da súa 15ª edición, a primeira delas como internacional avalada polo Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España. Esta cita pon en valor o papel que xoga a gastronomía como impulsor da economía, como creadora da imaxe de marca da calidade galega no exterior e como nexo cultural entre pobos, como é o caso das relacións con Cuba, país convidado desta edición. O acto inaugural estivo presidido polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, o alcalde de Ourense, e polo cónsul de Cuba en Galicia entre outras autoridades. Na súa intervención, Rueda destacou a aposta deste salón “por internacionalizar a gastronomía galega potenciando o turismo e como vía de crecemento para a economía do país”.

Celebrouse o día adicado ó país invitado que contemplou a realización dun showcooking de cociña da illa na que o chef preparou lagosta en salsa de mango, que se maridou con viños do CRDO Ribeiro, e na que a directora de Turismo de Cuba en España, Dulce Sánchez, impartiu unha presentación sobre os principais recursos deste país. As actividades vencelladas a Cuba incluiuse ademais a degustación de daiquiris e mojitos e a exhibición da artesá de patchwork, Gloria Sánchez. A participación deste país como protagonista xorde da colaboración entre o Ministerio de Turismo de Cuba e Expourense, coa intermediación da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. Cuba únese así á lista de convidados especiais en Xantar, en cuxa elección se destacan os lazos que unen a historia e a gastronomía deses países cos de Galicia, como foi o caso de México, Arxentina, Francia ou Perú, que seguen tendo cada ano presenza no salón.

Entre o programa de actividades celebrado hoxe destacou ademais a conferencia inaugural sobre seguridade alimentaria e colaboración público-privada impartida polo conselleiro de cooperación técnica da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, (FAO), Alberto López-Asenjo. Na súa ponencia comentou datos como que en pleno século XXI hai 842 millóns de persoas que padecen subnutrición crónica e 2.000 millóns de persoas sofren unha malnutrición motivada por carencias en proteínas, vitaminas e minerais, mentres que de igual xeito, hai máis de 1.400 millóns de persoas con sobrepeso. Este relator avogou pola necesidade de crear sistemas alimentarios sostibles.

Celebrouse ademais en Xantar o día adicado ás persoas maiores que contou coa participación de distintas asociacións de maiores e xubilados que compartiron no salón unha xornada festiva. As actividades previstas para esta xornada inaugural incluíron ademais un acto de recoñecemento aos restaurantes galegos que conseguiron no último ano Estrelas Michelín ou Soles Repsol e a homenaxe realizada a Antonio Tabarés, que foi membro do comité asesor de Xantar e da Academia de Gastronomía de Galicia.

Arrincan así cinco xornadas adicadas á promoción da gastronomía de calidade durante as que os visitantes ó salón poderán desfrutar dos produtos e servizos dos 179 expositores, elixir entre 32 menús entre 12 e 30 euros e participar nas máis de 120 actividades organizadas.

A segunda xornada de Xantar 2014 estivo protagonizada polo Encontro Internacional de Confrarías Gastronómicas e Enófilas que celebrou a súa décima edición e que congregou a máis de corenta colectivos integrados por expertos e prescriptores de opinión de toda España, Portugal, Francia e Ecuador. Hoxe tamén foi o día adicado ó Medio Rural e Mar, a Turismo Porto e Norte e a Oviedo e contou coa visita da conselleira Rosa Quintana quen aproveitou para felicitar a Xantar por ter acadado a internacionalidade e por medrar e mellorar os seus resultados ano tras anos. Durante a súa intervención tamén fixo referencia ao desenvolvemento turístico e gastronómico de Galicia indicando que “o aproveitamento dos nosos excepcionais produtos, así como a súa exportación cada vez maior co respaldo dos selos de calidade é un dos grandes éxitos da nosa Comunidade”. Nesta liña, a conselleira definiu a Galicia como “paraíso gastronómico e turístico”.

Este encontro foi o marco elixido para a posta de longo de novas confrarías como foi o caso da Confraría da faguia do Carnés de Vimianzo ou a do Desarme de Oviedo. Este encontro comezou pola mañá no Concello de Ourense onde foron recibidos polo alcalde da cidade.

Dentro do programa de actividades que tiveron lugar hoxe destaca o obradoirosobre gastronomía do Enrtoido impartido por Antonio Botana do Grupo Nove, ou os distintos showcookings organizados por Turismo Porto e Norte, sen esquecer o encontro de bloggers gastronómicos no que participan unha ducia de blogueiros de Galicia, Asturias e Castela e León.

Pola súa parte, a delegación integrada por representantes institucionais e empresarios da hostalería das Illas Azores celebraron un encontro con axentes de viaxes e prensa especializada para presentarse como un destino próximo, completo e sostible.

Premios Platos de Oro

Moitas son as actividades que aínda quedan por celebrar como a entrega dos premios “Platos de Oro” de Radio Turismo a restaurantes e casas de Turismo rural das provincias de Ourense e, por primeira vez, de Asturias.

Os premiados son:

Restaurantes:
- Novarestaurante (Ourense)
- A Lonxa (Burela – Lugo)
- El Bodegón de Teatinos (Oviedo)
- El Pirata (O Grove – Pontevedra)
- El Campanu (Ribadesella – Asturias)

Casas Rurais:
- Anatur Hotel Rústico (Cervo – Lugo)
- Casa Casarellos (Piñor de Cea – Ourense)

Premio especial:
- Concello de O Carballiño, promotor da Festa do Pulpo.

Tamén serán entregadas as Medallas de Ouro a distintas personalidades que teñen traballado na defensa da calidade da gastronomia e a hostalaría Españolas e na promoción do turismo.

As actividades incluén ademais unha exhibición de coctelería de vanguarda, o campeonato da liga provincial de Mus e o networking de Xoves Empresarios de Ourense. Tamén terá lugar unha homenaxe organizada pola federación de Comercio de Ourense ó presidente da Asociación de Xoieiros, Francisco Blanco.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Gabinete de Comunicación de Expourense