Skip to main content

Novas

  • 'Serva me, servabo te' é a última das producións postas en marcha polo Centro Dramático Galego. En xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A elas súmaselles A contenda do río Miño, a coprodución coa Companhia de Teatro de Braga estreada en xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.
  • Galicia pasa a formar parte dun proxecto interdisciplinar elaborado pola Comisión Europea, no que o Servizo Galego de Saúde actuará como socio oficial da New Bauhaus, sendo un dos 14 representantes españois que participarán na definición, acompañamento e deseño da Nova Europa. A New Bauhaus representa un espazo de encontro que ten por obxecto deseñar novos xeitos de vivir, nos que mesturan a cultura, a arte, a ciencia, a inclusión social e a tecnoloxía, dando lugar a un futuro máis sostible, mediante o esforzo colectivo. Coa súa incorporación a este proxecto comunitario, a Xunta de Galicia ratifica a súa aposta por formar parte dese diálogo entre persoas de diferentes culturas, disciplinas, xéneros e idades.
  • Unvex, o maior evento de vehículos non tripulados que se celebra en España, dará cita aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector os días 7, 8 e 9 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, na Escola Naval de Marín e no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo). Unvex ten confirmadas preto de 70 empresas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2500 metros cadrados de exhibición, entre os que destacan compañías tractoras do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.
  • La Quintana Teatro representa esta fin de semana en Santiago o espectáculo O Premio, realizado en coprodución co Centro Dramático Galego e que chegará a Compostela despois da súa estrea no Teatro Principal de Ourense, como parte da carteleira do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Marián Bañobre dirixe O Premio a partir dun texto de Santiago Cortegoso, que se leva a escena coas interpretacións de Victoria Teijeiro, Xurxo Cortázar e Raquel Espada, candidata a mellor actriz secundaria nos Premios de Teatro María Casares por Neorretranca e posmorriña, a última produción propio do CDG.
  • A programación do Revenidas en Conserva terá lugar do 10 ao 13 de setembro como edición especial e en formato reducido do festival que se celebra cada verán no núcleo de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. O escenario onde se desenvolverán os catro concertos do cartel principal ten unha capacidade limitada a un máximo de 500 persoas e coa estrita aplicación das correspondentes medidas para garantir a seguridade de público, artistas e equipo técnico. Alí actuarán Sés e Zeltia Irevire o venres 11 e Ortiga e Dakidarría en acústico o sábado 12. O festival, que este ano lle concede todo o protagonismo á música e á cultura de Galicia, ten preparadas tamén diferentes actividades paralelas, de balde e con inscrición previa para o control da capacidade.
  • O festival de danza Corpo(a)terra adiantou o programa da súa décima edición, que se desenvolverá en Ourense e en Allariz do 26 ao 30 de agosto. En canto á carteleira deste décimo festival de danza e artes do corpo, hai varias propostas novidosas, como a estrea do espectáculo Pedras nas luces, que se desenvolverá na noite do día 28 en Allariz e na do día 29 en Ourense. Trátase dunha coprodución de Umiles e a Central Folque inspirada nos canteiros de Cotobade, na que os drons bailarán ao son da música, que poderá ser escoitada polos espectadores desde os seus dispositivos móbiles vía streaming a través da web do festival. A programación tamén inclúe montaxes de compañías galegas como Kirenia Danza, Alejandra Balboa, Funboa ou Nuria Sotelo, ademais das obras seleccionadas polo circuíto Acieloabierto, performances DJ e colaboracións internacionais, como o Programa de Movemento Virtual Xeolocalizado.
  • O sábado 12 de setembro o recinto do Festival da Luz acollerá un programa moi especial: a Edición Leiras, un novo formato adaptado á situación actual onde gozar dunha xornada chea de música nun ambiente íntimo, familiar, tranquilo e seguro. A inmensa leira natal de Luz Casal, onde cada ano divírtense máis de 12.000 persoas, dividirase en parcelas, en Leiras, seguindo as normas de distancia de seguridade ata completar un aforo de 500 persoas. Poderase así gozar da música en directo ao aire libre con tódalas medidas sanitarias e de prevención. As Leiras terán capacidade para 2, 5 e ata 10 persoas e incluirán máscaras, xel desinfectante e ecovaso individual.
  • Directos Xacobeo’21 en Salas, que arrancou a pasada semana con oito concertos no Barco de Valdeorras, Bueu e A Coruña, celebrarase con asistencia de público, atendendo ás medidas respecto á capacidade e ás condicións hixiénico-sanitarias que, en cada momento, dispoñan as autoridades competentes. Ademais, serán gravados e editados para a súa posterior retransmisión. Os responsables das 35 salas participantes foron os encargados de elixir as súas respectivas ofertas musicais como parte deste ciclo, a partir de todas as propostas artísticas galegas, de moi variados estilos musicais, recibidas por Clubtura mediante unha convocatoria aberta.
  • Finalizado o prazo de votacións, danse a coñecer os tres finalistas que actuarán en 2021 no Festival Internacional del Mundo Celta de Ortigueira. Esta edición do proxecto Runas de novos valores da música celta bateu todas as marcas de participación nos seus 20 anos de historia, tanto na participación de candidatos (35 bandas) como dos países de orixe, así como de votacións, contabilizándose máis de 110.000 votos de todas partes do mundo a través da web do festival. Os finalistas determináronse por un sistema de cinco puntuacións. A primeira derivada da votación popular na web do evento, e as outras catro dun xurado formado por músicos e profesionais do sector, que analizaron a relación de cada proposta coa filosofía e tradición musical do festival, en sintonía coa programación do evento de 2021.
  • A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.