Notas
-
O Galician Freaky Film Fest volverá cunha terceira edición (se contamos a primeira edición denominada 0) a cidade de Vigo coa intención de ateigala de zombies, vampiros, lobishomes e montar unha auténtica festa da cultura freak tan incorporada no ADN de toda a xeración Xabarín. As obras deberán pertencer ó mundo freak, entendendo isto como a serie B, o terror, a ciencia ficción, o cine fantástico ou a parodia dos mesmos, pero tamén a calquera outro xénero.
-
Coma no ano anterior, o obxecto de organizar estes concertos é o de amosa-lo dinamismo desta Serra, cun tipo de música alonxada de estridencias e de masificacións e que soará nos mellores escenarios do mundo, as airas dos pobos do Courel, todos e cada un dos venres do mes de agosto entre lusco e fusco. Tódolos concertos serán de balde, a partires das 20:00h.
-
Os concertos do primeiro ano no que se programa da “Noite de Galicia” pecharon o domingo 14 unha edición cualificada por hostaleiros, veciños e visitantes como a mellor dos últimos anos e que se desenvolveu sen incidencias nin altercados de orde público. Unha completa programación cultural e musical de 4 intensos días nos que 80.000 visitantes gozaron das diferentes propostas da música Celta. Os concertos de Gwendal, Moving Hearts, Shooglenifty e Leilía, os máis multitudinarios.
-
O Corazón da Artesanía, VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou onte as súas portas en Agolada despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Un total de 9.000 persoas acudiron ata Agolada para ver o traballo de 66 profesionais da artesanía, que representaban 27 oficios diferentes, así como visitar os 47 expositores de produtos gourmet.
-
A Galiciencia vén de ser seleccionada finalista entre as dez solucións máis inspiradoras do mundo pola Asociación Internacional de Parques Científicos e Tecnolóxicos (IASP). A feira científica de referencia en Galicia é organizada anualmente por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt).
-
A XXVIII edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea homenaxeará, unha vez máis, a un dos produtos estrela da nosa gastronomía, pan con Indicación Xeográfica Protexida que volverá a ser o protagonista en San Cristovo de Cea o vindeiro domingo, 7 de xullo. Esta vixésimo oitava edición da Festa de Exaltación do Pan de Cea é unha nova demostración de forza co mellor argumento que é este produto, sendo tamén unha foto fixa dunha das tradicións máis importantes gastronómicas de Galicia.
-
As festas de Ourense completan a súa programación. Do sábado 21 ao domingo 30 de xuño, a cidade de Ourense poderá bailar cos 27 concertos para todos os públicos e sensibilidades: desde Neo, a nova banda de Alberto Cereijo e Fernando Calvo, pasando por Izal, The Furious Monkey House, Ramoncín ou Viva Suecia, María do Ceo, a Coral De Ruada e até un concerto infantil de María Fumaça.
-
A VI Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2019, a cal se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 42ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará coa participación de 46 celebracións con este recoñecemento. Estas festas de interese turístico celébranse en 35 concellos, os cales estarán presentes na área expositiva de forma individual ou a través de mancomunidades e xeodestinos.
-
A Comisión de selección para os finalistas do Proxecto Runas 2019, unha vez analizados os grupos finalistas, a súa música, afinación, son, afinidade co Festival, determinou que os tres grupos que deben pasar á final son os seguintes: UKI KOJIMA BAND (Xapón), DEQUENVESSENDO (Galicia) e TÚA (Murcia). Actuarán en Ortigueira o 11 de xullo, cada grupo percibirá ademais 1.500 € e terá a posibilidade de actuar en 2020.
-
Entre os días 2 e 8 de Xuño, de domingo a domingo, celebrarase a décimo terceira edición do Festival Alternativo Millo Verde, que este ano se volverá a aloxar na “Punta” da Praia de Cesantes. Como todos os anos, o obxectivo da Asociación Millo Verde é converter este evento gratuíto nun microcosmos de encontro lúdico para persoas de todas as idades co fin de crear unha plataforma onde os novos creadores poidan mostrar a súa arte, onde se potencie a música galega mesturada con músicas internacionais.