Noticias
-
Galicia continua coa súa participación na 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, o histórico encontro da cultura celta que este ano celebra o Année de la Galice. A programación do evento conta cunha ampla representación galega na que estarán entre outros Ariel Ninas, Tiruleque Milladoiro, Do Fondo da Barra e Habelas Hainas. Nos vindeiros días será a quenda do gaiteiro galego Carlos Núñez, Xosé Lois Romero ou Mercedes Péon. Ao longo destes días tamén actuarán novamente Os da porfía, Talabarte, Xacarandaina, Habelas Hainas, Os Sin Son e Tiruleque. O pavillón de Galicia en Lorient ten como misión fomentar a difusión e o coñecemento da música e a danza galega, ao tempo que favorece a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico e turístico de cara ao vindeiro Ano Santo.
-
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura abrirá ao público á noitiña coas visitas especializadas 'As Nocturnas'. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual, a partir das 21 horas, un xeito de achegarse diferente e orixinal —con música e petiscos— e exclusivo —non máis de 30 persoas— á exposición 'Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia'. A nova edición de As Nocturnas celebrarase os xoves e os venres do 29 e 30 de agosto e o 5 e 6 de setembro. Este ciclo permitiralles aos e ás asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega. Cada unha das visitas complementarase con música DJ e cunha degustación de petisco.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, coincide esta semana coa celebración do Día de Galicia, polo que comezará o venres –e non o xoves– para deixar gozar dos festexos desta importante efeméride. Ese día, os madrileños Floridablanca musicarán o solpor con temas dance funk moi setenteiros co obxecto de converter a praza exterior do complexo nunha pista de discoteca propia desa época. A banda –que obtivo numerosos éxitos no circuíto indie baixo o nome de Sin Rumbo–evolucionou, ao longo destes anos, o seu son cara a ritmos máis evidentes das pistas de baile dos anos 70 da pasada década, con melodías de pop negro que a crítica especializada sitúa próximas a formacións que van desde Metronomy, The Weekend ou The 1975.
-
Solpores do Museo, o novo ciclo de concertos que traerá a Vigo unha ducia de artistas nacionais e locais de renome ao Museo do Mar de Galicia, arranca tras esgotar en día e medio as 1.800 entradas dos seis concertos. O ciclo consta de seis citas musicais que se celebrarán de balde durante este verán, sendo Baiuca e Presumido os encargados de poñerlle sintonía ao solpor na primeira das seis citas programadas ata finais de agosto. Completan o cartel artistas de renome a nivel nacional e galego como Zenet, Joe Crepúsculo, Soleá Morente ou Xosé Manuel Budiño, que estarán acompañados de músicos vigueses como Amaro Ferreiro, Moon Cresta ou Bliusvai.
-
LORA, The Rapants e Portland foron seleccionados como gañadores do XXI Concurso de Bandas e Solistas de Cuac FM e, como parte do premio, actuarán este verán no 33º Festival Noroeste Estrella Galicia como teloneiras dos cabezas de cartel o venres 9 e o sábado 10 de agosto de 2019 no escenario da Praia de Riazor. O Festival Noroeste Estrella Galicia, organizado polo Concello da Coruña, colabora deste xeito, un ano máis, co Concurso de Bandas e Solistas da radio comunitaria coruñesa Cuac FM, que acaba de celebrar a súa 21ª edición. O obxectivo do concurso foi fomentar a cultura musical na nosa contorna, outorgándolle valor engadido á música local. Un xurado composto por cinco profesionais do mundo da música e socios da emisora Cuac FM valorou a calidade das distintas propostas.
-
O 'Corazón da Artesanía. VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia', volve encher esta fin de semana o complexo histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). Este encontro convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación coa música, a gastronomía e outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Entre o venres e o domingo 7 de xullo, en horario de 11:30 a 21:30, os visitantes poden achegarse aos 47 expositores de produtos gourmet, así como coñecer o traballo de 66 artesáns de 27 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a cestería, a marroquinería ou a bixutería.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Cidade da Cultura, comezará esta semana coa forza dos ritmos e das letras de Miss Bolivia, alcume artístico de Paz Ferreyra. Esta arxentina fusiona cumbia, hip hop, dance, reggae ou funk para darlle visibilidade con ritmos de baile a problemas sociais, facendo especial fincapé na igualdade e na emancipación da muller. O ciclo retómase o venres 19 con Ladilla Rusa, dúo de xornalistas que cataláns garanten diversión tanto nos seus ritmos de electropop costumista arrabaldeiro, como nas súas letras ateigadas de ironía e retranca. Pechará os solpores musicados desta semana Betacam, novo proxecto de Javier Carrasco.
-
O Claustro de San Francisco acolle, o xoves e o venres desta semana, a sétima edición de 'Danza no Claustro', unha proposta escénica exclusiva na que artistas internacionais e locais habitarán este espazo gótico, e compartindo os seus coñecementos e experiencia. Organizado por Erick Jiménez e Maruxa Salas (Solodos) e coa colaboración da Concellería de Cultura, os espectáculos serán ás 20:30 horas con acceso aberto e gratuíto. En total, son sete as compañías que participarán no Danza no Claustro 2019. Proveñen de España, Portugal, México e Costa Rica, e entre elas cómpre salientar as estreas de Humedales, de Fran Martínez, e de Fronteras y Mujeres, de Peace of Mind e Pájaro Mosca, ou Ephimero, obra gañadora do Premio do Público e Premio Xove en SóLODOS en Danza Ourense 2018.
-
A Cidade da Cultura de Galicia festexará o Día Internacional da Música, que se celebra o 21 de xuño, cun concerto da mítica banda galega Os Resentidos, na Praza Central do Gaiás, nunha actuación de entrada libre e de balde. Os Resentidos teñen no seu haber un currículo de máis 30 anos de carreira musical que lles deron para publicar sete LPs, un EP compartido con Siniestro Total, un recompilatorio e conseguir o fito de situar como gran hit en España un tema en galego, Fai un sol de carallo, nunha época (1986) en que eran moi poucos grupos en Galicia que cantaban no noso idioma.
-
O Festival Interceltique de Lorient anunciou en París o programa da súa 49ª edición, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (ano de Galicia). O acto, para o que se contou coa colaboración da Embaixada de España, tivo lugar na sala Pan Piper da capital francesa e incluíu un concerto de Mercedes Peón co seu proxecto 'Déixaas'. Deuse así conta do especial protagonismo que a música galega terá do 1 ao 11 de agosto en Lorient, ata onde viaxarán máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival.