Noticias
-
O Festival Play- Doc ofrece este xoves 4 de abril unha completa programación tras a súa xornada inaugural na que os asistentes poderán gozar da película A Story from Africa, do mítico realizador afroamericano, Billy Woodberry. Tras a inauguración, tamén terá lugar a primeira sesión da retrospectiva dedicada ao cineasta filipino Kidlat Tahimik coa súa película, Quén inventou o Yoyó? Quén inventou o vehículo lunar?, tras a proxección o público poderá ter o primeiro encontro co singular cineasta filipino. Nesta 15º edición, que se celebra en Tui ata o vindeiro domingo 7 de abril, o Festival Play-Doc estrea unha nova sección North by Northwest para celebrar a expansión a Asturias.
-
A sétima edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas, desenvolverase do 10 ao 13 de xuño baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega. A implicación directa deste colectivo empresarial no proceso de xestión do evento é a principal novidade deste ano, a través da que a Administración autonómica busca estreitar o diálogo co sector e, en consecuencia, reforzar a finalidade coa que Galicia Escena PRO botou a andar en 2013 para servir de estímulo á contratación dos espectáculos producidos na nosa Comunidade. O mercado acaba de abrir ata o vindeiro 27 de marzo, ás 15.00 h, o prazo para que as compañías galegas inscriban as súas propostas de teatro, danza, novo circo e maxia.
-
O Altantic Emprende + Gaiás volve na súa segunda edición para analizar as transformacións no sector da música e da organización de festivais. O evento, que terá lugar o sábado 30 de marzo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, combinará relatorios con expertos e expertas da industria musical, actuación de bandas como Mare Ladson o Mordem, exposicións de carteis realizados polo recoñecido deseñador catalán Xavi Forné (do estudio Error! Design), e un menú especial do cociñeiro Luis Veira, chef galego galardoado cunha estrela Michelin. Esta edición contará cunha exposición de carteis de grupos musicais deseñados por Xavi Forné, autor de pósters para bandas internacionais como Wilco, Mastodon ou The Black Keys.
-
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias - AGACA- organiza no mercado de Abastos de Santiago de Compostela a exposición "Espazos Efémeros de Emprendemento" no marco do proxecto Interreg PocTep LACES. Cun formato de tenda 'pop up' desenvolverase durante seis fins de semana de febreiro a xullo, en xornadas de venres e sábado. A exposición “Espazos Efímeros de Emprendemento” comeza o venres 22 de febreiro en horario de 9.15 a 15.00 horas. O obxectivo desta actividade é ofrecer aos proxectos e empresas da economía social que se atopan en fase de creación ou consolidación unha experiencia real de venda e conseguir unha importante aprendizaxe que lles axude a perfeccionar o seu modelo de negocio.
-
Coa participación de empresas e institucións procedentes de quince países de catro continentes, a terceira edición de Fairway será a máis internacional das celebradas ata agora deixando patente o interese que a peregrinación xacobea esperta fóra das nosas fronteiras. Así o salientaron os organizadores deste foro do Camiño na presentación do evento, que terá lugar entre o 10 e o 12 de febreiro no compostelán Palacio de Congresos e Exposicións. A feira, que medrará un 20% con respecto á pasada edición, será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago.
-
Esta publicación dará a coñecer Galicia a través dunha particular guía de viaxes centrada en difundir os valores naturais da comunidade a través das súas árbores máis senlleiras e relevantes. O documento foi presentado esta mañá na Feira Internacional de Turismo (Fitur), e inclúe unha escolma cos 50 exemplares e formacións arbóreas más notables incluídos no catálogo galego de árbores senlleiras, un rexistro creado hai 12 anos pero en constante actualización. É a primeira guía destas características que se edita en Galicia.
-
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo acaba de outorgar esta declaración, culminando así un proceso de varios anos últimos anos. O Entroido de Xinzo de Limia únese así á Festa do Albariño de Cambados –recoñecida o ano pasado con esta distinción- a festividade do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
-
Galicia presentará iniciativas xa consolidadas como a Ruta da Camelia, os Trens Turísticos de Galicia –dos que se dará conta das novidades da sétima edición–, ou propostas enoturísticas como Paseando entre viñedos e a nova estratexia Galicia Sabe. Tamén estarán presentes os dez produtos cabeceira de marca e celebracións de longa tradición popular que continúan a gozar de moi boa saúde como os Entroidos galegos, con destacada presenza dos nove con recoñecemento turístico: os de Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Laza, Manzaneda, Maceda, Vilariño de Conso, Cobres-Vilaboa e os Xenerais da Ulla.
-
A Cidade da Cultura duplicou o número de visitas no Nadal grazas á exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra —que exhibe por vez primeira en Galicia ‘A derradeira leición do mestre’— e ás actividades para público familiar de Cidade do Nadal, unha urbe máxica con obradoiros, cunha grande para decorar conxuntamente e cun premiado espectáculo familiar. O Gaiás recibiu durante estas festas 7.000 persoas, alcanzando nalgunha destas datas cifras récord ao superar os 800 visitantes por día.
-
Na cidade do Douro, darase cita medio centenar de representantes das 37 empresas audiovisuais acreditadas este ano, cifra que dá conta do progresivo incremento do nivel de participación neste foro bilateral, orientado a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso. Pola banda galega, desprazaranse 14 empresas: Agallas Films, Congo Producciones, Control Z, Ficción Producciones, Filmax, Filmika Galaica, Mondotropo, OlloVivo, Portocabo, Sete Media, Somadrome, Sun Lúa, Voz Audiovisual e Zenit TV. En canto á delegación portuguesa, asistirán 23 produtoras.