Skip to main content

Notas

  • O IV Festival Intercéltico O Son do Pazo terá lugar os días 31 de agosto e 1 de setembro no municipio pontevedrés de Mos, cun cartel que conta con actuacións coma as de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Leilía, o grupo irlandés Backwest e a banda de gaitas Airiños do Castelo, así como cos concertos de H2folk, Xulio Lorenzo e Andoa.
  • Un total de 27 expositores do oficio da olería participan este ano na XXIV Mostra de Alfaroleiros, con demostracións e venda de produtos. Xunto aos artesáns galegos de Buño, Niñodaguia, Gundivós, Bonxe, Salvaterra de Miño e Brión toman parte tamén oleiros de Toledo, Castellón, Xaén, Granada, Córdoba, Segovia, A Rioxa, Badaxoz, Zamora, Cáceres, e Portugal. Este ano a olería convidada é o Centro Alfarero de Candelaria Casa Las Miquelas de Santa Cruz de Tenerife.
  • A feira de artesanía MOSTRART, que ten lugar nestas datas na Coruña dende 1985, vai a celebrar a súa edición número 34 a partir do sábado 28 de xullo (inauguración prevista as 12 h.). Mostrart estará instalada no paseo dos Xardíns de Méndez Núñez que está enfrente do Cantón Pequeno, un espazo privilexiado que permite unha visita agradable baixo a sombra. Este ano Mostrart amplía o número de participantes: 55 obradoiros artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia.
  • A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) inicia mañá a nova programación para o segundo semestre do ano con dous concertos de verán, que terán lugar na sala A Ventana de Laxe, onde actuará o grupo feminino Ejazz ás 23,30 h., e no Náutico do Grove, no que soará a homenaxe ao rock hispano dos anos 60 a cargo de Los Mecánicos a partir da medianoite. Ambas citas, programadas en locais a carón da praia como parte da oferta cultural galega.
  • Santiago de Compostela acollerá a celebración da Gala Showcooking De tapas por Galicia, na que se elixirá ao mellor cociñeiro de petiscos 2018, de entre os representantes das sete grandes cidades galegas que foron gañadores dos concursos locais de minipratos que se celebraron durante o pasado ano.
  • A festa popular "Laroucofest" 2018 do concello de Baltar céntrase nesta cuarta edición en pór en valor a riqueza do noso medio ambiente e na defensa das tradicións do rural. A celebración, que terá lugar os días 27 e 28 de xullo, desenvolverá un programa con actividades lúdicas, deportivas e musicais, que teñen á mocidade como protagonista. A presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial da Deputación de Ourense.
  • A Feira do Libro de Sanxenxo presenta un amplo programa de actividades, que deron comezo cun acto inaugural con pregón do filósofo e catedrático da USC Marcelino Agís. Ata o domingo 15, terán lugar na praza dos Barcos máis de 25 actividades relacionadas coa promoción da lectura e o mundo da cultura, pensadas para público de todas as idades. Presentacións e sinaturas de libros, exposicións, concertos, charlas e coloquios, ademais de actividades infantís, encherán de vida este céntrico enclave da vila.
  • O Corazón da Artesanía, VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou as súas portas en Agolada despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Arredor de 8.000 persoas acudiron a Agolada para visitar os 52 profesionais da artesanía, que representaban 26 oficios diferentes, e os 49 expositores de produtos gourmet.
  • Presentouse en Lugo o Blues Museum, segunda edición do Festival Internacional de Blues de Lugo, totalmente gratuíto, que organiza o Goberno da Deputación, coa colaboración do Concello de Lugo, os días 20 e 21 de xullo, na praza da Soidade da capital lucense. Esta nova programación musical conta cos artistas máis punteiros do blues así como as novas promesas deste repertorio, chegados de distintos puntos do mundo, como Estados Unidos, Italia, Inglaterra ou España.
  • A sexta edición do ciclo Cultura no Camiño chega este verán a Ourense cunha carteleira de 11 actuacións de música e teatro, que abre este xoves día 5 a cantante Lucía Pérez co concerto que ofrecerá ás 22:30 na praza de San Martiño. O ourensán é un dos 103 concellos das rutas xacobeas que colaboran neste programa, organizado por Agadic e Turismo de Galicia co patrocinio de Gadis, que desenvolverá 342 citas culturais ata finais de setembro.